Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/01/2023 | Actualizada ás 11:16
Un menor de 17 anos permanece ingresado no Hospital Clínico de Santiago tras ser acoitelado esta madrugada na capital galega. Como resultado das feridas recibidas, o mozo tivo que ser intervido e extirpáronlle o bazo.
Xa a pasada fin de semana ocorrera unha pelexa no entorno do local de ocio nocturno La Grandota, que se saldara con dous feridos graves, un deles que rematou por falecer no Clínico.
Segundo informou o 061, a central recibiu unha alerta por ferida de arma branca ao redor das 05.15 horas na Rúa Nova de Abaixo.
Ao lugar enviouse unha ambulancia asistencial de SVA de Urxencias Sanitarias-061 que trasladou ao mozo ao Hospital Clínico de Santiago.
O presunto agresor xa foi detido, segundo confirmaron a Europa Press fontes policiais. Grazas ao relato de testemuñas presenciais da liorta que tivo lugar fronte á discoteca Vanitas e á descrición que estes ofreceron á Policía, os axentes puideron indentificar ao presunto autor.
As fontes consultadas precisan que, aínda que non se descarta ningunha hipótese, este suceso non garda relación coa agresión ocorrida tamén en Santiago a semana pasada. Segundo puido confirmar Europa Press, o detido é un mozo maior de idade, menor de 25 anos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.