Por Europa Press / Redacción | Compostela | 13/01/2023 | Actualizada ás 11:40
Pontevedra, Vigo e Santiago foron os puntos máis chuviosos de todo o Estado durante a segunda semana do ano, na que estas zonas superaron os 100 litros por metro cadrado en precipitacións.
As choivas acumuladas no conxunto de España desde que comezou o ano hidrolóxico (1 de outubro de 2022) ata o 10 de xaneiro de 2023 superan nun 1,5 por cento o valor medio normal para este período, segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET).
En concreto, neste tres meses e dez días do ano hidrolóxico alcanzouse un valor medio de 259,9 litros por metro cadrado, cando o normal son 255,8 litros por metro cadrado. Do 4 ao 10 de xaneiro as precipitacións afectaron á maior parte do territorio salvo ao leste de Andalucía, o levante peninsular, as illas Baleares e as illas Canarias orientais.
As precipitacións máis destacadas déronse en Galicia, con cantidades superiores aos 100 litros por metro cadrado nas provincias de Pontevedra e A Coruña.
A AEMET destaca as cantidades recollidas en Pontevedra, 108 litros por metro cadrado; Vigo-Peinador, 102 litros por metro cadrado; Santiago de Compostela-Lavacolla, 101 litros por metro cadrado; Lugo-Rozas, 59 litros por metro cadrado e Fuenterrabía, 55 litros por metro cadrado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.