Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/01/2023 | Actualizada ás 16:11
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, recibiu este venres ao oito centros educativos galegos que lograron os premios que o Ministerio de Educación outorga aos clubs de lectura. Estes recoñecementos, destacou a Xunta, converten a Galicia na gañadora dun terzo dos galardóns concedidos en toda España, con oito dos 24 totais.
En Educación primaria, o CEIP de Curtis, o de Laredo (Redondela) e o Sofía Casanova (Culleredo) recibiron o segundo premio, mentres que o Emilia Pardo Bazán (A Coruña) e o Plurilingüe Antonio Palacios (O Porriño), o terceiro.
Na modalidade de centros de Secundaria, os premiados foron o instituto Basanta Silva (Vilalba), co primeiro premio, e o IES Maximino Romeu de Lema (Zas) e Sánchez Cantón (Pontevedra), ambos con segundos premios.
Segundo sinalou a Consellería, Rodríguez destacou o salto cualitativo que, na súa opinión, experimentaron nos últimos anos as bibliotecas escolares de Galicia.
"O voso esforzo e ilusión permitiu que estes espazos pasasen de ser meros centros de estudo e de intercambio de libros a ser lugares dinámicos de socialización, de encontro ou lugares onde os mozos se achegan a áreas como a tecnoloxía, a ciencia ou a robótica", reivindicou.
"Ese salto cualitativo fai que as nosas bibliotecas sexan un referente non só para toda Galicia, senón a nivel estatal", reivindicou. Neste sentido, a Xunta subliñou que a comunidade galega é a terceira autonomía con mellores resultados en competencia de lectura en PISA, 17 por encima da media española.
En canto ao apoio da Xunta ás bibliotecas escolares, a administración autonómica lembrou que o Plan LEA (Lectura, Información e Aprendizaxe) 2025 conta cun orzamento de 17 millóns de euros para "seguir impulsando estes espazos como clave no modelo educativo".
MÁIS DE 400 CLUBS DE LECTURA
Así mesmo, con motivo deste encontro, o conselleiro sinalou que no marco das accións de apoio ás bibliotecas escolares en Galicia, o seu departamento resolveu tres convocatorias como a de Clubs de Lectura, que chegarán a 401 centros, as de Biblioteca Creativa, con 148 centros adscritos, e a de Biblioteca Solidaria, na que participan 190 centros.
Dos 401 Clubs de Lectura, 293 funcionarán en centros de Secundaria e 108 nos de Primaria. Por provincias, 145 atópanse na de Pontevedra, 144 na da Coruña, 59 na de Lugo e 53 na de Ourense.
O programa conta cun orzamento de 400.000 euros destinados a sufragar a adquisición de libros, así como para outros gastos de funcionamento.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.