Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/01/2023 | Actualizada ás 18:37
Un total de 10 entidades sociais de toda Galicia foron beneficiarias da repartición de máis de 900.000 euros en axudas para proxectos de prevención do VIH/Sida e doutras enfermidades de transmisión sexual, actividades que deben ter lugar entre 2022 e 2025.
A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, e o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitaron este luns as instalacións do Comité Cidadán Antisida da Coruña, unha das entidades beneficiarias.
En particular, o proxecto presentado por Comité Cidadán foi o que obtivo a maior puntuación, polo que se lle asignaron máis de 145.000 euros para este novo período. Entre os fins da entidade atópase a prevención de Sida e a sensibilización da cidadanía, así como a intervención en calquera tipo de problemática derivada da exclusión social. Tamén a prevención, información e mediación nos ámbitos da saúde e da exclusión social do colectivo LGBTQI.
A través do seu proxecto, realizan accións de saúde pública no campo do VIH e das ETS, na sociedade en xeral e sobre todo nos grupos máis vulnerables. Acumulan unha experiencia de varias décadas e o seu ámbito de actuación é a área sanitaria da Coruña.
DIMINUCIÓN NA INCIDENCIA
No últimos oito anos está a apreciarse unha tendencia á diminución da incidencia do VIH en Galicia. Así, no período 2004-2021 a incidencia media anual foi de 6,4 casos por cada 100.000 habitantes, situando á Comunidade por baixo da media española, próximo aos 10 casos por 100.000 habitantes no mesmo período.
Máis en detalle, no ano 2021 (últimos datos pechados), a incidencia foi de 4,8 infeccións por 100.000 habitantes, fronte aos 5,7 por 100.000 habitantes de 2019. No ámbito do tratamento, a Xunta destinou máis de 50 millóns de euros anuais na atención de pacientes galegos infectados polo VIH, o 60% para fármacos antirretrovirais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.