Prensa Ibérica comeza os movementos en 'El Correo Gallego': Terceiro cambio de sede en menos de cinco anos

A mudanza será ao edificio de oficinas situado na rúa Restollal, onda o Corte Inglés de Santiago, e farase efectiva dende o próximo luns.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 17/01/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

'El Correo Gallego', emblemática cabeceira compostelá xa nas mans do Grupo Prensa Ibérica, editora en Galicia de 'Faro de Vigo' e 'La Opinión de Coruña', logrou salvar o seu nome a pesares de que todo o demais (donos, empregados, provedores e mesmo lugar de impresión e oficinas de redacción) cambiou da noite para a mañá.

Distintas cabeceiras de El Correo Gallego
Distintas cabeceiras de El Correo Gallego | Fonte: Arquivo

Á dramática situación de trinta traballadores que se van á rúa porque non entran no novo proxecto, súmanse tamén outros corenta que seguirán, a ollos da Seguridade Social, traballando para a mesma empresa, pero en realidade nun contexto totalmente diferente ao que coñecen.

E unha das grandes diferencias será o lugar de traballo, xa que, unha vez máis, a redacción do xornal cambiará de sede, mudándose ás oficinas situadas na rúa do Restollal, onda o Corte Inglés, en Santiago. Adeus ás modernas instalacións coas que contaba a cabeceira compostelá na Rúa de Polonia, no Polígono de Costa Vella.

Por que? Porque aínda que a oferta inicial do concurso falaba de que o adxudicatario gozaría tamén do edificio, esta oficina está estreitamente vinculada ao empresario José Ramón García, ex propietario da xa quebrada Blu:Sens e dono actualmente de ACCA Media, unha das empresas que formou parte da contraoferta pola puxa do medio. E é que a sede desta produtora audiovisual ten domicilio fiscal exactamente nas mesmas instalacións que 'El Correo Gallego'.

Sería, pois, esta mudanza á rúa do Restollal o terceiro cambio de sede en menos de cinco anos, e é que non fai tanto tampouco que o xornal pasou ás oficinas de Costa Vella. Foi no ano 2017 cando a sede histórica da rúa Preguntoiro se trasladou ao polígono, con todos os departamentos do seu grupo de comunicación salvo o audiovisual e un servicio de atención ao público. 

Naquel momento, a súa marcha fora consecuencia da renegociación da deuda de Editorial Compostela (matriz de 'El Correo Gallego') con Abanca, ante a imposibilidade de afrontar un pasivo de 16,7 millóns de euros con esta entidade, que se quedou coa maior parte do inmoble da rúa Preguntoiro e a nave de 'El Correo' no polígono do Tambre. Así, a deuda logrou aliviarse en 4 millóns, aproximadamente.

OS TRABALLADORES QUE CONTINÚAN NO NOVO PROXECTO, AÍNDA PENDENTES DE RECIBIR INDICACIÓNS

Hoxe por hoxe a situación que vive o cadro de persoal é de inquedanza. A primeira reunión entre a xente de Prensa Ibérica e a dirección 'antiga' do xornal compostelán xa se produxo este martes, pero os traballadores que pemanecerán no novo proxecto aínda non saben como será a súa continuidade: nin se se manteñen salarios e horarios, nin a temática e a liña editorial que quererán seguir os novos donos, nin sequera se a estrutura actual do periódico impreso se manterá.

Galicia Confidencial, a través dos propios traballadores, puido confirmar que será este venres cando Prensa Ibérica se porá en contacto por primeira vez de forma directa con cada persoa subrogada, e farao vía correo electrónico. O máis destacado desta mensaxe será que se lle comunicará expresamente a súa continuidade a cada membro da lista de subrogados. Interés especial suscita ese momento para os traballadores contratados por empresa de traballo temporal (ETT).

Nun primeiro momento a resolución do xulgado non contemplaba a continuidade do persoal de ETT, pero Prensa Ibérica na oferta presentada ao concurso apostara por coller a oito dos quince totais. Finalmente, parece que manterá a súa palabra e será o venres cando oficialmente llelo comunique. Polo momento, e a diferencia do que sucede co resto do cadro de persoal subrogado, non saben quenes seguirán e quenes non.

Xa o luns, segundo afirman fontes dos propios traballadores, producirase unha reunión nas novas oficinas da rúa Restollal para falar do plan de traballo, obxectivos e, fundamentalmente, para ter ese primeiro encontro co persoal subrogado que se viña postergando no tempo.

Mentres tanto, a outra parte dos traballadores, os non subrogados, non saben aínda ata cando terán que seguir acudindo aos seus postos, pois tampouco foron informados do vencemento do contrato. O administrador concursal manterá con eles unha reunión este xoves para comentarlles como se producirá o proceso de extinción dos postos de traballo. Previsiblemente, comezarase o ERE de extinción tramitándose polo procedemento concursal, de maneira que se pagarán 20 días por ano traballado ata un máximo de 12. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Xosé Ánxel

Prensa Ibérica= xornalismo de todo á cen. Nacido dos restos da prensa franquista apañados polos socioliistos e demáis títeres mamasubvencións. A ver se hai sorte e desaparecen os medios e as xentes que os ocupan, e dan paso a outro ciclo, de seguro igual ou peor.

1 Gamela

Prensa Ibérica a súa temática e a su liña editorial básicamente consiste en seguir o interés de quen paga, en Vigo é básicamente a páxina dominical de Abel Caballero. Ninguén no seu xuizo buscará información relevante no Faro de Vigo (agás infografías e detalles das promocións de Avantespacia e operacións urbanísticas tipo Barrio do Cura ou Hotel Attika21 en Samil) Un exemplo do que lle tocará lidiar (se o alcalde de Santiago merca suficiente publicidade será algo así como esto: https://twitter.com/00Memoria/statu... O xornalismo hai tempo que desapareceu... agás no GC !