A Xunta "non se explica" que o Goberno "exclúa" a Galicia do corredor de hidróxeno verde

Industria destaca que a planta de hidróxeno verde de Reganosa e EDP "está a avanzar en fases de tramitación"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/01/2023 | Actualizada ás 13:19

Comparte esta noticia

A secretaria xeral de Industria, Paula Uría, esixiu ao Goberno central que "rectifique" e inclúa a Galicia na rede de hidroductos que conectará á Península Ibérica co resto de Europa, de forma que a comunidade galega non quede "illada".

Así o expuxo na Comisión de Industria, na que censurou que "non se explica que o Goberno central volva dar as costas" a Galicia coa "exclusión" do H2Med, o corredor de hidróxeno verde.

Uría censura que "non é de recibo" que o Goberno traslade que "non é o momento" e que hai que esperar a unha nova planificación. "Para o Goberno do señor Sánchez, Galicia non é unha prioridade", recrimina.

Nesta comisión, Ramón Fernández Alfonzo (BNG) preguntou á Xunta que aclare "cal" dos dous proxectos de centrais hidroeléctricas de bombeo vai haber nas Pontes, o de Magtel ou o de Reganosa e EDP, posto que son "incompatibles" entre eles. Igualmente, require á Xunta que esixa ao Goberno que "cumpra" e impulse o concurso de transición xusta.

Respecto diso, Uría destacou que a planta de hidróxeno verde de Endesa e EDP nas Pontes (A Coruña), que conta con 24 millóns do Perte de hidróxeno, "está a avanzar en fases de tramitación" e vai "ben encamiñado". E sobre Magtel limitouse a apuntar que hai unha solicitude de concesión hidroeléctrica presentada ante Augas de Galicia. Así mesmo, incide na "necesidade de que se active concurso de nó eléctrico das Pontes".

Arquivo - Trazado do corredor de hidróxeno verde  H2Med entre Portugal, España e Francia. MITECO - Arquivo
Arquivo - Trazado do corredor de hidróxeno verde H2Med entre Portugal, España e Francia. MITECO - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta