Por Galicia Confidencial | Compostela | 21/01/2023 | Actualizada ás 22:00
Acordádesvos daqueles tempos nos que para poder andar en Internet había que botar man do cable do teléfono e toda a casa quedaba incomunicada mentres o fillo ou a filla xogaba online? Non hai tanto daquela época e, sen embargo, a tecnoloxía avanzou de tal maneira que parece que fai milleiros de anos. Hoxe en día xa ninguén está disposto a esperar por nada, todo o queremos aquí e agora, e cando nolo impiden, montamos en cólera.
As plataformas audiovisuais de series de películas sábeno ben e souperon facer da necesidade unha oportunidade (que agora se lles está a volver en contra a base de críticas). Netflix ou HBO, por nomear dúas das máis coñecidas, comezaron poñendo a disposición dos seus clientes o seu catálogo sen limitacións máis aló de ter que pagar unha suscripción mensual. Sen embargo, non tardaron en darse conta de que acaba pagando un usuario e usando a conta cinco, polo que decidiron poñer un número máximo de pantallas.
O problema é que, o que comezou como unha forma de loitar contra algúns usuarios "pillabáns", converteuse nunha loita na que cada vez se implantan máis restriccións co único propósito de gañar cartos: facéndolle pagar máis ao usuario se quere ter acceso á súa conta dende máis dispositivos. A situación con algunhas compañías, especialmente aquelas que emiten fútbol (como DAZN ou Movistar +), é tal que dentro de mesmo núcleo familiar hai veces nas que un partido non pode verse á vez na televisión do salón e na tablet do rapaz da habitación.
Tamén hai casos nos que a suscripción, ao estar vinculada a unha rede wifi concreta, non permite que a persoa usuaria da conta faga uso da plataforma fóra da casa, nunha segunda residencia, por exemplo, a pesar de seguir pagando. Así as cousas, parece que estamos dando marcha atrás no tempo e volvendo a esa época na que se un usa Internet o outro non pode falar por teléfono. Neste caso, se un ve o partido na tablet, o outro non o pode ver na televisión. Dende Galicia Confidencial analizamos as limitacións de cada plataforma.
CONEXIÓN Á MESMA IP: DAZN E MOVISTAR+, AS MÁIS RESTRITIVAS
Unha IP ven a ser ese protocolo que usa o noso wifi para conectarse a Internet. Polo tanto, neste punto, hai plataformas audiovisuais que establecen limitacións cando hai varios dispositivos conectados a unha mesma rede. En xeral, a maioría non o fan, pero si hai dúas que son especialmente retritivas con esta cuestión: DAZN e Movistar+. A primeira tan só permite un dispositivo conectado á mesma IP; a segunda, dous na mesma IP e só un se a IP é diferente.
Esto quere dicir, na práctica, que se nunha casa hai dúas persoas que queren ver dous partidos de fútbol diferentes (fonte de ingresos principal destes operadores) á mesma hora, non o poderán facer a través de DAZN, pois aínda que un abra a aplicación na tablet e outro no ordenador, a plataforma non funcionará en ambos dispositivos. Con Movistar+ si o poderán facer, pero se se quixese sumar alguen da casa a ver unha serie, xa non podería.
Ademais, con Movistar+ dase a circunstancia de que as dúas persoas interesadas en ver o partido conectadas en diferentes dispositivos pero á mesma dirección IP poden estar, mais se unha desas persoas sae da casa e quere velo, por exemplo na oficina, xa non podería, por non ser a mesma dirección IP.
DISNEY+ PERMITE REXISTRAR 10 DISPOSITIVOS; O PLAN BÁSICO DE NETFLIX, SÓ UN
No tocante ao número de dispositivos que se poden rexistrar para visualizar unha mesma plataforma neles, hainas que son máis laxas e outras que, pola contra, amósanse tremendamente inflexibles. Rexistrar dispositivos non quere dicir que se permita a visualización simultánea en todos eles, senón que pagando unha única suscripción se permite que se poida usar en varios, pero en periodos de tempo diferentes.
Levado á práctica quere dicir que se eu rexistro a miña conta de Disney+ nun portátil, nunha tablet, nun ordenador de mesa, no móbil, no ordenador dos nenos e na televisión, poderei ver a canle sen problema. Iso si, se tratamos de entrar á vez dende varios destes dispositivos, como pode ser a televisión e o móbil, un deles non o permitirá. Entón cal é a utilidade? Non ter que estar pechando sesión continuamente, nin desinstalando a aplicación.
Disney+ é, neste senso, a plataforma audiovisual máis laxa, chegando a permitir o rexistro dunha conta en ata dez dispositivos diferentes. Seguiríalle Amazon Prime Vídeo, que deixa en seis; e HBO Max, Movistar+, Movistar+ Lite, Orange TV e Filmin, en cinco. Pola contra, o plan básico de Netflix só permite unha conta e o estándar dúas.
NETFLIX PREMIUM E DISNEY+ PERMITEN SIMULTANEAR CATRO DISPOSITIVOS
Con todo, o valor máis importante dunha suscripción para os usuarios sempre será a capacidade de poder ver contidos diferentes dunha mesma plataforma en diferentes dispositivos e a un mesmo tempo. Así, aínda que sexa por exemplo a nai a titular da suscripción, poderá esta estar vendo unha serie mentres o fillo visualiza outra e o pai outra, aínda que todos o queiran facer á mesma hora.
Esta capacidade é ca que se amosan máis esquivas as plataformas, pois ofertan plans máis caros para poder facelo. En concreto, poderíase dicir que Orange TV é a mellor neste aspecto, pois permite cinco conexións simultáneas, pero non é certo, pois cando se trata de fútbol (que é para o que se utiliza maioritariamente esta canle), só deixa dúas.
Sería polo tanto Disney+ a que tería a mellor proposta: con catro conexións á vez sen limitación. Tamén Netflix permite catro conexións simultáneas, pero só na súa proposta Premium, que custa nada menos que 17,99 euros. O plan estándar só permite dúas, e xa custa 12,99; mentres que o básico só deixa unha, e custa 7,99. Pola súa banda, HBO Max, Amazon Prime Vídeo, Movista+ e Apple TV permiten tres.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.