Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/01/2023 | Actualizada ás 17:43
O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, presidirá este luns, 23 de xaneiro, o acto institucional con motivo da festividade de San Raimundo de Peñafort, patrón da Facultade de Dereito, nun acto no que a lección maxistral correrá a cargo do ex presidente do Goberno Mariano Rajoy.
O que foi dirixente popular, que estudou Dereito na universidade compostelá, ofrecerá esta charla baixo o título 'Os populismos e o futuro de Europa'.
Ao acto, que arrincará ás 11,30 horas, tamén está previsto que acuda o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o fiscal xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Fernando Suanzes. O inicio do evento partirá da lectura, por parte da secretaria do centro, Sonia Esperanza Rodríguez Boente, da Memoria de actividades da facultade correspondiete aos cursos 2019/2020, 2020/2021 e 2021/2022.
A sesión tamén servirá para render tributo ao profesorado do centro a través das insignias da facultade que este ano distinguen a Consuelo Ferreiro Regueiro, Javier Maseda Rodríguez, Miguel Abel Souto, ao reitor Antonio López Díaz, Lourdes Mella Méndez, Alba Nogueira López, Ana Mª Gude Fernández, Santiago Bernardo Brage Cendán e a José Caamaño Alegre con motivo dos seus 25 anos de servizo.
A entrega de diplomas ao alumnado que terminou os seus estudos no ano 2021/2022 do Grao en Dereito e do Grao en Criminoloxía dará paso á intervención da decana, Ana Gude Fernández, mentres que o reitor será o encargado de clausurar o acto.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.