Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/01/2023 | Actualizada ás 18:16
O PSdeG levou ante a valedora do Pobo, María Dores Fernández Galiño, o caso da contratación dun home condenado en dúas ocasións por abusos sexuais para facer de rei Baltasar na Cabalgata de Ourense, un asunto polo que piden que o alcalde da cidade, Gonzalo Pérez Jácome, sexa "apercibido".
Este martes, a secretaria de Igualdade do PSdeG, Silvia Fraga, e a portavoz dos socialistas no Concello de Ourense, Natalia González, presentaron na sede do alto comisionado do Parlamento de Galicia, en Santiago, unha queixa na que demandan a "intervención urxente" da institución ante "a gravidade" do caso "desde o punto de vista ético, moral e legal".
"Esperamos que se faga un apercibimento ao alcalde, porque vemos que se nega a rectificar e non queremos que isto volva pasar", aseverou Fraga en declaracións aos medios á porta da sede do Valedor.
Os socialistas aseguran que existen documentos gráficos que proban que Jácome e o home que fixo de rei Baltasar na Cabalgata "compartiran" momentos e que os antecedentes desta persoa son "coñecidos" na cidade, onde cometeu dous abusos sexuais contra mulleres en 2019 e 2022 polos que foi condenado.
"Independentemente de se se coñecían ou non, o alcalde ten o deber legal de solicitar a certificación negativa do Rexistro Central de delincuente sexuais ás persoas participantes nun evento principalmente dirixido a menores de idade", aseveraron as responsables do Partido Socialista.
XUSTIFICACIÓN DO CONCELLO
O PSdeG tamén aproveitou para rebater a xustificación esgrimida polo goberno local ourensán, que defende que non era obrigatorio pedir un certificado de ausencia de antecedentes para o contrato da cabalgata porque non se trata dunha actividade que implique un contacto "habitual" con menores senón que se trataba de algo esporádico.
Os socialistas incidiron en que o apartado 2 do artigo 57 da Lei de protección á infancia recolle que a esixencia deste certificado aplícase en "todas aquelas (actividades) que teñan como destinatarios principais a persoas menores de idade".
Así, consideran que o concello "incumpriu" esta normativa e, por tanto, fixo que "centos de nenos e nenas" de Ourense achegáronse " a un delincuente sexual", o que cualifican de "un feito sen parangón" que denota "o desprezo do alcalde cara á infancia e a cidadanía en xeral".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.