'Avienergy': Enerxía a partir do esterco xerado na actividade avícola

Este proxecto promove un aproveitamento dos residuos xerados nas granxas avícolas para a obtención de enerxía térmica e eléctrica. Os resultados e conclusións serán presentados nunha xornada técnica que terá lugar o día 2 de febreiro na Fundación Vicente Risco de Allariz.

Por Galicia Confidencial | Allariz | 24/01/2023 | Actualizada ás 21:05

Comparte esta noticia

Os membros do Grupo Operativo supraautonómico AVIENERGY reuniranse na localidade ourensá de Allariz o vindeiro 2 de febreiro para celebrar unha xornada técnica híbrida, presencial e online a través de Zoom. O lugar de encontro será a sé da Fundación Vicente Risco.

Imaxe de arquivo dunha granxa avícola
Imaxe de arquivo dunha granxa avícola | Fonte: UGT FICA

Na cita presentaranse as principais conclusións e resultados das actividades levadas a cabo no proxecto para facilitar a súa implantación nos sectores relacionados. O proxecto Avienergy, que se atopa na recta final, promove un aproveitamento dos residuos xerados na actividade avícola mediante unha valoración da materia fecal xerada para a obtención de enerxía térmica e eléctrica. Ademais, o residuo xerado desta combustión empregarase para implementar materiais fertilizantes para o aproveitamento de nutrintes no chan.

INTERESE DO PROXECTO E PROGRAMA

O evento está dirixido a propietarios de granxas, técnicos de explotacións avícolas e empresas relacionadas co sector enerxético, agricultores, investigadores, e técnicos e responsables de administracións públicas. Constará dunha primeira parte na que se desenvolverá unha xornada técnica entre as 9:45 h.e as 13:00 h., sesión que se poderá seguir de forma presencial na Fundación Vicente Risco e tamén vía streaming a través de zoom (Inscrición). A continuación farase unha visita demostrativa a unha granxa.

Na xornada técnica, Anxela Montero de FEUGA, abrirá a sesión facendo unha presentación xeral deste proxecto de innovación; Xosé Francisco Pedras, enxeñeiro técnico agrícola, falará do uso do esterco avícola na combustión enerxética; Natalia Cid, do Centro Tecnolóxico EnergyLab, da caracterización fisicoquímica do biocombustible en cuestión. Tras unha pequena pausa a sesión continuará coas intervencións de Manuel Dopico de Demaux Manufactures S.L. e David Patiño da Universidade de Vigo, que abordarán o procedemento de obtención de enerxía térmica mediante a caldeira adaptada; Natalia Cid e Marta Pérez de EnergyLab, falarán sobre a obtención de enerxía eléctrica e a avaliación de impacto ambiental e, por último, María del Pilar Bernal, de CEBAS-CSIC e Francisco Martínez, da Cooperativa Alimer, pecharán a parte expositiva desta xornada falando da valorización das cinzas de combustión como material fertilizante.

Despois da presentación do proxecto terá lugar unha visita demostrativa á Granxa Avícola José Antonio García, no lugar da Ponte en Vilar de Santos, onde está instalada a caldeira.

AVIENERGY

É un proxecto de innovación cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) da Unión Europea e nun 20% polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, no marco do Programa Nacional de Desenvolvemento Rural 2014-2020. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Innovación e Formación Agroalimentaria (DGDRIFA) é a autoridade encargada da aplicación das devanditas axudas. Orzamento: 582.960,04 €. Subvención total: 565.160,04 €.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta