O desprezo aos humedais galegos, un erro moi caro a medio prazo para o medio ambiente

Os humidais de interior son áreas capaces de captar grandes cantidades de CO2 e devolver auga limpa en regatos, ríos ou lagoas. En tempos, as brañas mesmo serviron de pasto para o gando ademais de seren reservas de especies endémicas tanto animais como vexetais. A cuestión é que áreas así no interior de Galicia carecen da protección necesaria de cara a súa pervivencia e tamen para evitar tanto a desecación de áreas produtivas como a perda de espazos que axuden contra o cambio climático.

Por Moncho Mariño | Santiago | 03/02/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O 2 de febreiro celébrase o Convenio de Ramsar, ou Convención Relativa aos humedais de Importancia Internacional. Asinada en 1971, entrando en vigor en 1975, esta convención busca a protección de áreas húmidas, sobre todo aquelas que sexan hábitat de aves acuáticas. En Galicia hai cinco áreas Ramsar máis unha, o Parque das Illas Atlánticas. Malia todo, o problema coas áreas húmidas galegas procede da falta de protección de áreas como brañas e humidais de montaña cuxa posta en valor desde o punto de vista social resulta complicado. Se aínda foron aproveitados no seu momento para deixar parcer gando en épocas estivais ou como reservas de auga, a imaxe negativa destas áreas como lugares de infeccións por mosquitos e outras ideas nacidas durante a Revolución Industrial, fixo que pouco a pouco fosen desaparecendo transformadas en bosques, pastos, parques eólicos ou directamente vertedoiros de lixo.

As brañas de Laíño, cando están inunadadas
As brañas de Laíño, cando están inunadadas | Fonte: SGHN

MOITO PATRIMONIO, POUCA PROTECCIÓN

“As turbeiras son o 3% do territorio mundial e absorben o 30% do CO2 da atmosfera. Sobre este tipo de terreo pode darse a aparición das brañas, lugares húmidos onde se desenvolven plantas como o brizo” do Roberto Vilela de Ecoloxistas en Acción. A maioría destas brañas danse en lugares de interior, “son os humidais de montaña, dos que Galicia ten un número importante mais carecen da protección necesaria”.

En 2008 fíxose un traballo polo que se contaron 1.100 humidais desde a Xunta de Galicia. “Creouse un inventario de zonas húmidas e a partir de aí nace a figura de humidal protexido co decreto 127/2008” apunta Fins Eirexas de ADEGA. “A cuestión é que en quince anos de gobernos Feijóo-Rueda non se tramitou ningún novo espazo protexido agás o Parque das Illas Atlánticas”.

“A Xunta non protexe os humidais. Galicia é a segunda comunidade, detrás de Ceuta, como menos espazos húmidos protexidos”, apunta Iñaki Varela de Verdegaia. “Existe protección para uns poucos lugares na costa, aliás, os humidais do interior non son considerados como áreas merecedoras de protección”. Esta actitude debe ser moeda común en todo o Estado cando a Comisión Europea apercibiu a España con posible sanción económica “que pagamos todos” por non afrontar unha política axeitada de protección das áreas húmidas.

POR QUE NON EXISTE PROTECCIÓN?

“A visión destas áreas como lugares de augas podres, mosquitos transmisores de enfermidades ven desde o século XIX e no caso español reforzouse durante o franquismo” di Iñaki Varela. No caso galego baleiráronse espazos enteiros como a lagoa de Antela e outros espazos semellantes na Terra Cha. Mais concretando sobre os humidais de interior “o que se está facendo con eles actualmente é ou plantar eucaliptos e para iso primeiro hai que facer unha serie de modificacións no chan, ou desentenderse por completo como ocorre coa lagoa de Alcaián”.

“Houbo que actuar por outras vías para protexer estas áreas. Nos plans hidrolóxicos de Galicia Costa e Confederación Hidrográfica Miño Sil, conseguiuse incorporar a figura de “zona húmida protexida”” menciona Fins Eirexas. “Dentro desta figura están as 1.100 áreas necesitadas de protección legal, todas elas na listaxe do IBADER da USC. Con todo, a Xunta había moitos anos debera ter actuado “por imperativo legal” mais “as empresas eléctricas, das que a exconselleira Beatriz Mato forma parte do consello dunha delas, fixeron o que lles saíu da gana”.

E a todo isto súmase que os humidais interiores son reservas de auga en caso de seca. “Galicia está situada sobre un terreo maioritariamente granítico, isto fai que os pozos de auga estean en fendas abertas na rocha” sinala Roberto Vilela. “O problema disto é que o substrato de granito non retén auga como os terreos máis porosos”, o que explica, en parte, as pronunciadas secas. “As turbeiras recollen o CO2 e cando a auga sube nas estacións secas, ese líquido está limpo” e é apto para consumo humano.

A mala imaxe creada desde a Revolución Industrial, a desprotección fronte agresións como o baleirado, a plantación de eucalipto, a instalación de parque eólicos sen control e a especulación ligada a eles, ademais da falta de rigorosidade legal para protexelas, están acabando coas áreas interiores húmidas. Xunto a isto está o risco de desaparición de flora e fauna, algunhas endémicas, e por último, o uso destas áreas como vertedoiros de lixo sen intervención das autoridades pertinentes para evitalo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta