O pleno volverá a estar marcado pola sanidade, onde a oposición preguntará a Rueda polas medidas logo da "contestación social"

Ana Pontón, interrogará ao titular do Executivo galego por "que vai facer" e se vai rectificar "" a súa política sanitaria, que pon "en risco" a vida dos galegos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/02/2023 | Actualizada ás 18:21

Comparte esta noticia

O pleno da semana que vén na Cámara galega estará de novo marcado pola situación sanitaria, esta vez, como 'despois' da manifestación "multitudinaria", definida así pola viceportavoz do BNG, Olalla Rodil, que o domingo pasado acolleu Santiago de Compostela con miles de cidadáns na rúa en "defensa da sanidade pública".

Así, e tras ser rexeitada a petición de comparecencia do presidente da Xunta, Alfonso Rueda; a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, interrogará ao titular do Executivo galego por "que vai facer" e se vai rectificar "" a súa política sanitaria, que pon "en risco" a vida dos galegos.

Tamén os socialistas levarán a sanidade á sesión de control ao Goberno, de maneira que o portavoz no Pazo do Hórreo, Luís Álvarez, preguntará ao presidente Rueda polas medidas previstas para mellorar a sanidade tras a "contestación" social do pasado domingo nas rúas compostelás.

Rodil, que censurou que a maioría popular non aceptase a petición de comparecencia, remarcou que as competencias sanitarias "son da Xunta" e lanzou a mensaxe de que as cousas "non teñen que ser así", senón que se poden cambiar e os cidadáns "teñen dereito" a unha sanidade de "máxima calidade" na que a atención primaria volva ser o "corazón" do sistema.

Nesta liña, o BNG presentou unha moción, consecuencia da interpelación formulada a semana pasada, na que pide aumentar o orzamento destinado a atención primaria ata o 25 por cento e impulsar un plan de choque de 200 millóns para este ámbito, de forma inmediata.

En liña coa demanda dos impulsores da iniciativa lexislativa popular (ILP), a plataforma SOS Sanidade Pública que vén de avalar con 50.000 firmas a tramitación parlamentaria desa iniciativa lexislativa, a formación nacionalista pide a incorporación de novas categorías profesionais, como sicología clínica, logopedas, terapeutas ocupacionais, traballadores sociais e ópticos-optometristas, entre outros.

Ademais, tamén interpelará ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, polas listas de espera e preguntará ao Goberno pola situación concreta da Mariña e Monforte, despois de que se suprimisen as áreas sanitarias.

"RECORTES"

Pola súa banda, a viceportavoz do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, defendeu que o PSdeG presentou iniciativas alternativas para o Goberno da Xunta, despois de "13 anos de recortes" que foron "desatendidas" polos populares.

Sen saír do ámbito sanitario, o PPdeG tamén levará varios asuntos. Por unha banda, o plan galego contra as condutas adictivas, un dos "retos" que viu incrementado de forma importante o seu orzamento para este ano, tal e como destacou o portavoz do PPdeG na Cámara, Pedro Puy. No apartado de preguntas ao Goberno, os populares tamén cuestionarán á Xunta pola posta en funcionamento do centro sanitario da Milagrosa, en Lugo.

ABORTO E PROTOCOLO

Ademais, o PSdeG presentará unha moción, consecuencia da interpelación do pleno anterior, na que reclamarán garantías dos dereitos sexuais e reprodutivos para as galegas, nun contexto no que o Tribunal Constitucional vén de rexeitar o recurso presentado polo PP contra a lei do aborto de Zapatero.

Preguntado pola súa postura respecto diso, o portavoz popular na Cámara, Pedro Puy, remitiuse ás explicacións dadas pola súa formación desde Xénova e non quixo pronunciarse sobre a súa visión de lle lei e se considera que o aborto é ou non un "dereito", tras as o posicionamento do seu xefe de filas e ex presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e as aclaracións posteriores dadas.

Paralelamente, o BNG presentará unha proposición non de lei para que se impulse un protocolo galego para actuar ante posibles agresións sexuais no lecer nocturno, que se debata e faga partícipe a propio sector. Así, dixo que non basta con pór "un cartel dicindo que é un espazo libre de violencias machistas", senón que son necesarios procedementos "claros".

No ámbito social, o PSdeG leva tamén unha interpelación para reclamar explicacións polos "pírricos" resultados do plan de demografía e sobre as medidas que debería tomar o Goberno galego ao amparo da norma, aprobada fai máis dun ano. Así, tamén preguntarán se cren que deben corrixir algúns aspectos.

Reunión da xunta de portavoces do 11 de outubro de 2022
Reunión da xunta de portavoces do 11 de outubro de 2022 | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta