Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/02/2023 | Actualizada ás 19:52
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, destacou este mércores que Galicia se sitúa "no epicentro" dunha industria audiovisual "en auxe, con talento creativo, solvencia empresarial, capacidade de xestión e calidade artística".
Así se expresou na presentación en Santiago da segunda tempada de Operación Marea Negra, a serie de Ficción Producións para Prime Vídeo e rodada en Galicia co apoio do Hub Audiovisual da Xunta.
O responsable de Cultura referiuse tamén aos recentes recoñecementos cinematográficos a profesionais galegos, como os premios Goya ao actor Luís Zahera, ao director e ilustrador Alberto Vázquez, e ao guionista Fran Araújo, ademais da as seleccións de Matria, Sica e Samsara na Berlinale ou ás múltiples series galegas que poden verse nas plataformas, "para contextualizar este bo momento dun sector crave da nosa cultura e da nosa economía".
Remarcou, ademais, o compromiso da Xunta por "contribuír a afianzar a industria audiovisual galega, cada vez máis competitiva, máis diversa e con maior proxección internacional", tanto a través do programa anual de axudas do departamento de Industrias Culturais como dos fondos europeos canalizados polo Hub.
Concretamente, puxo o foco neste último programa, que supón un investimento de 9,6 millóns de euros entre os anos 2021 e 2023, para destacar entre as súas medidas a creación do fondo para a atracción de rodaxes, a travé do que Ficción Producións recibiu unha subvención decasi 350.000 euros para a filmación de Operación Marea Negra. Tempada 2 en diferentes localizacións da ría de Arousa, Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, cun equipo maioritariamente galego.
A nova entrega de Operación Marea Negra pode verse xa en Prime Vídeo. Dá continuidade á primeira tempada, estreada hai pouco máis dun ano sobre o caso real do primeiro narcosubmarino interceptado en Europa. Daniel Calparsoro volve asumir a dirección xunto a Igor Legarreta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.