Por Galicia Confidencial | Allariz | 18/02/2023 | Actualizada ás 11:00
As actividades para horar a figura de Rosalía de Castro comezarán o mércores 23, coa inauguración dunha exposición sobre o Herbario de Rosalía, na que a escritora citou na súa obra preto de 150 plantas e flores. A área de Cultura do Concello de Allariz, montará unha exposición sobre este herbario na que colaboran o CEIP Padre Feijoo e o IES Allariz nun acto poético musical que terá dunhas quendas, unha ás 12:00h e outra ás 19:00h. A mostra estará a disposición do público ata o 26 tendo a fin de semana un horario máis flexible: o sábado en horario de 12:00 ás 14:00h e de 17:00h ás 20:00h. O domingo soamente estará aberta de 12:00h ás 14:00h. As persoas que se acheguen a visitar a exposición recibirán de agasallo un marca páxinas conmemorativo do Día de Rosalía.
Dende a área de Promoción Económica, en colaboración coa hostalería de Allariz, celebrarase o Día de Rosalía cun Caldo de Gloria. Dende o 23 ao 26 de febreiro, nos 13 establecementos participantes, servirán este prato que a propia Rosalía describía no poema “Miña casiña, meu lar” como facer un caldo humilde. Os establecementos participantes estarán identificados cun vinilo que indica que “Aquí hai caldo de gloria”.
O CEIP Padre Feijoo de Allariz participará nesta iniciativa incluíndo no seu menú o 23 de febreiro o Caldo de Gloria. Tanto os establecementos participantes como o CEIP Padre Feijoo contarán (grazas a fundación Rosalía de Castro) con manteis de papel individuais co poema de Rosalía.
O Concello de Allariz dende o pasado ano é mecenas da Fundación Rosalía de Castro, encargada da conservación e divulgación do seu legado, sumándose a traballar pola conservación e posta en valor do patrimonio cultural de Rosalía.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.