Persoal de axuda no fogar irá á folga para demandar as subidas do IPC de 2021 e 2022

Protestarán nos actos de Sánchez Bugallo e tamén piden unha mellor organización e horarios

Por E.P. | Santiago de Compostela | 22/02/2023 | Actualizada ás 12:22

Comparte esta noticia

O comité de empresa de Servisar en Santiago, adxudicataria do servizo de axuda no fogar (SAF) neste municipio, irá á folga este martes, 28 de febreiro, para demandar as subidas correspondentes do IPC de 2021 e 2022, entre outras reclamacións.

En rolda de prensa en Santiago, a presidenta do comité, Esther Goris, explicou que esta mobilización busca "facer visible" as situacións "precarias" nas que se atopan as 200 traballadoras deste servizo, que cobran uns 1.042 euros de salario bruto, por baixo do salario mínimo interprofesional, e que levan dous anos sen recibir a subida do IPC que lles corresponde por convenio, o que se traduce entre 100 e 150 euros menos ao mes.

Respecto diso, reclaman que o Concello de Santiago busque unha solución. As traballadoras achacan esta situación a unha "represalia" por non ratificar o preacordo do novo convenio. 

Apuntan que o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, "presume" de que hai 700 usuarios atendidos sen lista de espera, pero lémbranlle que "máis calidade é mellor que cantidade". Así, avisan de que irán protestar a todos os actos do rexedor mentres non se atope unha solución. O propio 28 de febreiro realizarán unha concentración ante o pazo de Raxoi a partir das 10,00 horas.

OUTRAS RECLAMACIÓNS

Entre outras reclamacións, demandan unha zonificación do servizo para unha mellor organización dos traballadores, que nalgúns casos percorren ata 50 quilómetros diarios nos seus propios coches

Rolda de prensa de traballadoras do SAF de Santiago
Rolda de prensa de traballadoras do SAF de Santiago | Fonte: Europa Press

Así mesmo, piden fichar tal e como establece a lei, cun horario fixo de traballo que lles permita conciliar, ademais de que se estableza un coordinar único para unha mellor repartición de tarefas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta