Por Xurxo Salgado | Compostela | 22/02/2023 | Actualizada ás 22:00
"Deje de molestar a la gente de bien"... Esta frase do líder do PP en Madrid, Alberto Núñez Feijóo, está provocando un río de tinta en Madrid, especialmente, nas redes sociais. Unha frase que amosa o discurso ideolóxico do presidente popular que, aínda que cause sorpresa na capital do Estado, é ben coñecida en Galicia.
E é que non é a primeira vez que Feijóo fala de "xente de ben", unha "xente de ben" que non se sabe se é "de primeira ou segunda categoría", "de dereitas ou de esquerdas" ou "boa ou mala". Un discurso que en Galicia era ben dixerido polos partidos da oposición e polos medios de comunicación, ou polo menos, non causaba o impacto que está causando en Madrid.
O caso é que non é a primeira vez que Feiijóo fala da "xente de ben" en Madrid. Alí, en 2013, e preguntado pola súa fotografía co narco Marcial Dorado, o entón presidente da Xunta era contundente e mesmo ironizaba sobre estas fotos: "calquera persoa de ben sabe perfectamente que non hai substancia, nin caso nin causa nestas imaxes", dicía ante multitude de xornalistas da capital. Como naquel momento, Feijóo era un presidente "de provincias" e non o líder do PP, a frase pasou sen pena, nin gloria.
Pouco despois, nunha sesión plenaria de 2016, o líder dos populares galegos volvía a facer alusión á "xente de ben" para referirse precisamente ás críticas de socialistas, nacionalistas e Marea pola situación sanitaria de Galicia. "A xente de ben sabe o que ten na sanidade pública", indicaba.
Una no despois, e ante 3.000 militantes, na tradicional romaría popular do Pino, Feijóo volvía insistir na "xente de ben" ante a "súa" xente. Nesta ocasión era a conto dunha polémica acrecentada nalgúns medios de comunicación sobre casos de ocupacións de vivendas e acusaba aos gobernos das mareas de "defender aos okupas" e de "menosprezar á xente de ben".
"XENTE DE BOA FÉ" DA XUNTA
A "xente de ben" de Feijóo tamén é a "xente de ben" dos seus ex conselleiros. A algún deles tamén se lle pegou certos discursos de Feijóo. Hai tan só unhas semanas, e tras as críticas da Confederación Estatal de Sindicatos Médicos en Galicia (CEMS) sobre o funcionamento das áreas sanitarias en Galicia despois da dimisión do xefe de servizo de Xinecoloxía do CHUS, Manuel Macía, o conselleiro de Sanidade, Julio García, Comesaña, apelaba tamén á súa "xente". "Calquera galego de boa fe que vexa o que pasa nos hospitais comarcais é consciente de que grazas ás áreas sanitarias a asistencia nos comarcais está garantida", dicía.
Pero, curiosamente, esta frase que agora causa sensación en Madrid non é unha frase "made in Feijóo". Aínda que sexa o actual líder do PP quen a use con máis frecuencia para sentirse máis preto da "súa xente", o certo é que xa había que botaba maN dela antes que el.
FRAGA, RECORDADO COMO "XENTE DE BEN"
Foi o seu mentor político e o que o meteu de cheo na política galega, Manuel Fraga, a quen se lle escoitou por primeira vez en Galicia, ou cando menos, que este xornalista teña constancia. Unha frase que repetiu en varias ocasións no Parlamento galego.
Nunha entrevista a finais dos anos noventa, o fundador de AP tentaba aclarar que era iso da "xente de ben". "Traballei durante moitos anos en política, participei en momentos decisivos para a historia de España, pero gustaríame ser lembrado simplemente como un home de ben, no bo sentido da palabra, sen máis puntualizacións. E aínda que agora non estea tan de moda falar do ben ou do mal en sentido absoluto, sigo tradicionalmente apegado á xente de ben, e querería quedar englobado entre eles".
Quizais, e aínda que non o saiba, a "xente de ben" a que se refire Feijóo é a "xente de ben" á que antes ca el se referíu Fraga, unha xente que é todo o contrario a súa "xente de mal", ou polo menos, ao que o PP entende por "mal" en "sentido absoluto" ou en "sentido cristiano" da palabra.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.