Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/02/2023 | Actualizada ás 19:28
O atrio da Catedral de Lugo, patrimonio da humanidade, apareceu este xoves cuns pequenos buracos nas laxas do chan que serviron para colocar cartelaría, valos e outro material para o arranque da volta ciclista 'O Gran Camiño', que patrocinan varias administracións públicas.
O deán da Catedral, Mario Vázquez, avanza a Europa Press que o Bispado estuda reclamar os danos feitos neste espazo privado que, aínda que está aberto ao público, foi invadido para esta proba sen que "ningunha institución" pedise permiso nin comunicase "nada".
Os responsables da Catedral atopáronse o xoves pola mañá con todo montado sen ter coñecemento diso. Nese momento, preguntóuselles aos responsables da montaxe se tiñan autorización e "dixeron que non". De feito, o deán lembra que o habitual é que se presente unha solicitude por escrito para que o Bispado permita o emprego deste espazo "con condicións".
Posteriormente, unha vez realizados os buracos --ao parecer, cun trade-- "pediron perdón". "Pero o dano xa está feito", sinala o deán. Ata o momento, o que fixeron foi levantar acta do ocorrido e facer fotos, para posteriormente avaliar se reclaman danos ante as administracións competentes.
"Non queremos conflito con ninguén, pero hai que protexer o patrimonio e para iso estamos a traballar coas institucións", subliña Vázquez, quen lembra, precisamente, que o chan do atrio da Catedral de Lugo foi restaurado o ano pasado.
Fontes da Xunta consultadas por Europa Press confirman que o Bispado xa se puxo en contacto coa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para comunicarlle o ocorrido. Posteriormente, a Administración autonómica prevé abrir "dilixencias informativas".
O atrio da Basílica de Lugo serviu como escenario de arranque da carreira ciclista 'O Gran Camiño'. O evento está patrocinado pola Xunta e o Xacobeo, ademais doutras empresas e institucións, entre elas o catro deputacións provinciais galegas. Tamén conta coa colaboración do Goberno de España e, no caso da saída, do Concello de Lugo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.