Pontevedra lidera un proxecto para "conservar e potenciar os espazos naturais protexidos" de Galicia e Norte de Portugal

Busca o impulso de infraestruturas verdes locais para a restauración da biodiversidade, a renaturalización e o deseño de paisaxe resiliente ante o cambio climático das zonas urbanas e rurais

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/02/2023 | Actualizada ás 21:17

Comparte esta noticia

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural de Pontevedra, que dirixe o socialista Iván Puentes, está a liderar a candidatura dun proxecto denominado Green Gap, de impulso de infraestruturas verdes locais para a restauración da biodiversidade, a renaturalización e o deseño de paisaxe resiliente ante o cambio climático das zonas urbanas e rurais de Galicia e o Norte de Portugal, que aspira a obter financiamento do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza de España-Portugal (Poctep), dentro do Interreg.

Reunión candidatura Interreg - Concello de Pontevedra
Reunión candidatura Interreg - Concello de Pontevedra

Puentes mantivo recentemente un encontro telemático con representantes das 11 entidades implicadas nesta iniciativa, entre as que se inclúen, ademais do Concello de Pontevedra, a Deputación de Ourense; os municipios lusos de Guimarães e Paredes de Coura; o Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia; o Instituto da Conservaçao da Natureza e das Florestas (Icnf) e a Agência Portuguesa do Ambiente (Apa); as universidades da Coruña e do Minho; o Laboratório da Paisagem, e a Fundación Ceer (Centro de Estudos Eurorrexionais).

O portavoz do PSOE sinala que este proxecto, que conta cun orzamento de máis de 3,3 millóns de euros, “ten o obxectivo xeral de protexer, conservar e potenciar a natureza, especialmente nos espazos naturais protexidos, e os elementos que conforman a infraestrutura verde na área transfronteiriza, así como deter a perda de biodiversidade e poñer en valor os ecosistemas naturais”.

“Tamén se integra nesta iniciativa unha perspectiva de mitigación e adaptación ao cambio climático e aos seus efectos, fomentando a prevención e xestión de riscos e deseñando unha paisaxe resiliente mediante a rexeneración medioambiental, a mellora ecolóxica dos espazos verdes e a inclusión de solucións baseadas na natureza”, precisa o concelleiro.

O Green Gap plantexa, entre outras cuestións, a elaboración de dous proxectos piloto de infraestrutura verde en contornos urbanos, un deles en Pontevedra, a restauración ambiental da desembocadura do río dos Gafos, e o segundo en Guimarães, consistente na recuperación da ribeira de Agrela. Ademais, desenvolveranse outros plans piloto para a restauración ecolóxica da área natural de Taboão (río Coura), en Paredes de Coura; a conservación ambiental e mellora da mobilidade no contorno do embalse de As Conchas (Ourense); e o incremento dos valores paisaxísticos e da resiliencia ante o cambio climático da Paisaxe Transfronteiriza do Estuario do Miño-Santa Trega.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta