Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/03/2023 | Actualizada ás 14:31
O Parlamento galego aprobou por unanimidade unha iniciativa que partía do BNG para acabar co que os nacionalistas tachan de "ranciada machista", polo feito de que por agora só haxa homes nomeados como embaixadores de honra do Camiño de Santiago. Por iso, o tres grupos reclaman que sexan designadas dúas mulleres.
En concreto, a proposta que saíu adiante pide ao Goberno galego que, "a favor de visibilizar a igualdade real entre homes e mulleres, os dous títulos de carácter persoal de embaixadora ou embaixador de honra do Camiño de Santiago se outorgue a dúas mulleres que cumpran cos requisitos esixidos no artigo 2 do decreto que regula a concesión". Este era o texto que expuña inicialmente o Bloque.
A el engadiuse a emenda do PP --que era de substitución, pero finalmente foi incorporada como de adición-- que indica que a Cámara autonómica "acorda presentar de forma consensuada entre os grupos parlamentarios as candidaturas de dúas mulleres que cumpran os requisitos esixidos para que lles sexan outorgados os dous títulos de carácter persoal de embaixadora ou embaixador de honra do Camiño de Santiago".
O deputado do BNG Daniel Pérez aproveitou a súa exposición para advertir de que, en materia turística, "apostar pola cantidade non é bo", porque "supón a posibilidade de matar a galiña dos ovos de ouro", e rexeitou que a Xunta fomente un "turismo low cost".ç
O PLAN DE VIGO
Por outra banda, na mesma comisión, Leticia Gallego preguntou pola asignación de fondos por parte da Xunta aos concellos dentro do plan de sustentabilidade turística en destino, e en concreto referiuse a unha iniciativa do Concello de Vigo.
A responsable de Turismo da Xunta, Nava Castro, reprochoulle o seu interese por un consistorio en concreto "en lugar de traballar por todos os concellos de Galicia e por que a Xunta velle pola equidade e polos concellos pequenos, polos geodestinos", etcétera.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.