Por Galicia Confidencial | Compostela | 01/03/2023 | Actualizada ás 22:00
O fondo de investimentos británico Ancala Partners, especializado no investimento en infraestruturas do mercado medio completou a adquisición dos negocios de servizos aéreos de emerxencia de Babcock International en España, Portugal, Italia, Noruega, Suecia e Finlandia. Con esta transacción que xa anunciara o pasado verán, a compañía coñecida como a antiga Inaer e creada a partir da escisión de Babcock das súas actividades de servizos aéreos de emerxencia, pasou a denominarse Avincis.
O importe da transacción ascendeu a 136 millóns de euros incluíndo activos vinculados á loita contra incendios, o transporte sanitario por vía aérea ou as operacións de rescate, así como máis de 232 aeronaves dispoñibles en 164 localizacións operativas ao redor de Europa. Deste xeito, Babckok, agora Avincis, pasará a xestionar o suculento negocio da extinción de lumes en Galicia. Este fondo británico continúa sendo hexemónico neste tipo de servizos no Estado como herdeiro da antiga Inaer, que absorbeu cando comprou en 2014 o negocio de Avincis.
Esta é a segunda gran operación de Ancala Partners en España tras adquirir o 49% da filial de enerxías renovables de Ence por 359 millóns. Nunha aclaración a Galicia Confidencial, a papeleira asegura que "Ancala Partneres non controla as renovables da compañía, senon que é socio minoritario da filial de enerxía renovable Magnon Green Energy". Os negocios que agora vende son parte do sector de aviación que reportaron ingresos de máis de 800 millóns de euros o pasado ano.
CONTROL DO DISPOSITIVO AÉREO CONTRAINCENDIOS
Babcock hai anos que forma parte do operativo da Xunta contra o lume. O último contrato gañouno en 2020 e prorrogouse até 2023 por máis de 3 millóns de euros á espera de que se aprobe o novo contrato de helicópteros por un importe de 13,4 millóns tal e como xa informou Galicia Confidencial.
Pero en Galicia esta empresa tamén controla os helicópteros de Salvamento Marítimo e durante moito tempo tamén o transporte aéreo de urxencias médicas do 061. A empresa agora vendida conta con máis de 150 pilotos no dispositivo de extinción de incendios.
POLO AEROESPACIAL DE ROZAS
Babcok tamén era un "socio estratéxico" da Xunta no Polo Aeroespacial de Galicia, situado no aeródromo de rozas. De feito, en setembro do pasado ano, a Xunta autorizaba a sinatura de importantes convenios de colaboración con esta empresa e con Airbus e Telespazio para proxectos aéreos.
As tres empresas comprometeronse a mobilizar un total de 283 millóns de euros coa previsión de crear 400 postos de traballo ata 2026. En total, serán 40 proxectos de I+D no campo dos sistemas non tripulados, para os cales a Xunta achegará unha parte, mentres que a maioría do investimento correrá a cargo das propias empresas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.