Nacín aló polo 1951 na aldea de Rivadeume (As Pontes) e xa que logo escotei desde neno falar deste xeito e tamén dicires do refraneiro peneirando a desgraza pero tamén algunha sentenza contraria: ... si as compañías son daquela maneira, mellor só. Non é a primeira vez que me pregunto, pola relatividade do sentimento de sentirse desgraciado e ser un desgraciado, obxectivamente.
Vivir en soidade, en min, non produce un sentimento de desgraza. Non me vou a tirar a silveira, cualificándome de afortunado pola contra, pero non é para tanto, e non o digo desde unha perspectiva de supervivencia, senón de vivila en liberdade e con naturalidade. O mesmo Mihaly, deixou sitio para a poesía da soidade, cando fai un afinamento, ... case todo ou mundo...
Non entanto, penso que vale a pena darlle algunha volta máis á relación entre estar só e a desgraza. Imos aló.
O bipartidismo ademais dunha nebulosidade foi unha trampullada organizada para gobernar entre dous e alternativamente, por citar algún exemplo ( sei que hai moitos mais e o longo e ancho dos territorios do estado), e representa ben o que quero explicar. Só os que conformaron este xeito de repartirse a empanada, saben si sentiron ou senten a soidade nas súas decisións revestidas de acción política e moralidade; pola contra, sei que por mor delas, a desgraza chegou a moita xente e por iso mesmo, sinto que todos eles foron uns desgraciados polo seu facer.
Non esquezo tampouco a complicidade comprensiva entre eles e os palmeiros xustificativos que tamén beneficiaron tanto no asuntos de estado como de goberno das institucións de representación na xestión da cousa pública e porque non, tamén nos espacios privados onde moit@s pulan por xustificar “ o todo vale”.
Coa analoxía, só quero situarnos diante dunha estratexia para gobernar entre aqueles que formalmente son diferentes, e que foi o alicerce fundamental para soster un sistema que desde fai tempo fai auga, polas continuas agresións a ética na política e a lei. Fixo e fai sentir a xente desgraciada e os verdadeiramente desgraciados, sentíronse nun mundo feliz. O mundo do revés, “legalidade”, “maioría”, “imperio dá lei, etc.., as veces non son mais que faladeiras e refuxio para agachar ou ben tratar de xustificar os desastres dalgúns dos actos de goberno.
Si a xustiza fora xusta e quen de facer a limpa en todos os sumidoiros mais aló da feira da fiscalidade. Si o bipartidismo, deixara de autoxustificar que o seu hexemonismo ten base na lexitimación que lle deron as furnas (nunca para roubar e facer organización para o delito) e fixera os drenaxes aos que deberían obrigarse, denantes de seguir defendendo que a maioría é tamén unha supremacía moral, sería un pasiño adiante. Pero como teño dubidas razoables, deberiamos, agora si, mirar debaixo dá palla e non conformarnos coa predica. De non ser así, pode que de novo acaden un marco de lexitimidade democrática e sigan a mallar, nos de sempre
Conformaría con facerlles sentir a soidade, a que doe de verdade. A dun pobo que non esquece a súas accións e complicidades. O queiran ou non, son os causantes dunha certa involución democrática. Desde esta perspectiva, calquera proceso social ou electoral debería ter hoxe dinámicas de confrontación en debate público sobor das desgrazas provocadas para resolver dalgun xeito certo e creibel a encrucillada das responsabilidades políticas.
Sería ben prantexarlle a Mihaly estas cuestións para que reformulara a súa tese un chisco. Falareille da miña conclusión: a desgraza pode que che faga sentir só, pero pola contra para ser un desgraciado nunha democracia, precisas sempre de compañía e complicidade para inmunidade dos teus actos.