Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/03/2023 | Actualizada ás 13:57
O xulgado compostelán que levaba a causa aberta contra un home que proferiu ameazas contra Martiño Noriega, na súa etapa como rexedor de Compostela Aberta na capital galega, notificou ao exalcalde que deixa sen efecto a súa citación para o xuízo que estaba previsto para a próxima semana debido á resolución "pola que prescribe a causa".
Fontes xurídicas da contorna do exalcalde constataron que hai moitas "dúbidas" acerca de que esa prescrición poida materializarse e, para decidir pasos, están á espera de coñecer o contido da resolución á que se alude na notificación de que xa non é preciso que Noriega compareza nun xuízo que, por outra banda, sumou seis adiamentos.
'elDiario.es' adiantou este sábado o paso xudicial que notifica a prescrición da causa, que tamén confirmou Europa Press. Pola súa banda, o exrexedoror queixouse en redes sociais pola "impunidade" que acompañan a este tipo de situacións.
"A impunidade explica esta viraxe desde o pasado recente ata este presente; a historia en espiral. Isto tan só é unha pinga máis deste mar de area", traslada no seu perfil da rede social Twitter. Agrega o portavoz nacional de Anova un fragmento do poema de Rosalía de Castro 'A xustiza pola man': "I estonces... estonces, cumpreuse a xusticia: eu, neles; i as leises, na man que vos ferira".
DETENCIÓN EN 2015
En setembro de 2015, un veciño de Santiago foi detido por ameazas en redes sociais a Noriega. No seu día transcendeu que tiña un proceso de embargo desde o ano 2005 por falta de pagamento de impostos municipais por valor de 1.500 euros. Entre as ameazas que proferiu o detido, advertía ao entón alcalde, ao que chamou "vermello de merda", que podía acabar nunha "cuneta" como en 1939, en referencia á represión franquista.
Tamén lle chegou a suxerir que "rezase" ante a hipotética posibilidade de que un tractorista "se confundise" e "acelerase" o seu vehículo para atropelalo --centos de gandeiros colapsaran cos seus tractores Santiago pouco antes para reclamar un prezo xusto para o leite, nunhas protestas que apoiou o rexedor--. Se se rastrexaba por Internet o nome do detido aparecía vinculado con listas da Falanxe Española como suplente en procesos electorais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.