Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 06/03/2023 | Actualizada ás 10:36
O que foi secretario xeral do PSdeG e ex conselleiro no bipartito, Pachi Vázquez, volverá presentarse á Alcaldía do Carballiño con 69 anos. Desta volta faino por Espazo Común, unha candidatura que dará a coñecer o vindeiro venres, día 10 de marzo, no Hotel Arenteiro da localidade.
Nun comunicado remitido aos medios, Espazo Común explica que todos os membros da asemblea local do Carballiño estiveron de acordo en que "a experiencia dun dos políticos máis importantes da historia do pobo é imprescindible para reconducir as carencias que foron aparecendo nos últimos anos".
"Despois de catro anos de intenso traballo desde a oposición, estando en cada recuncho no que un veciño nos requiría e facendo ducias de propostas, Espazo Común está en disposición de presentar un proxecto para O Carballiño cun grupo de homes e mulleres cheos de ilusión e ganas e será unha honra ser o candidato no pobo ao que llo debo todo", sinalou Pachi Vázquez.
Nacido no Carballiño en 1995, Pachi Vázquez foi alcalde deste municipio ourensán polo PSdeG entre 1995 e o 2005. Tras iso, foi conselleiro de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e, posteriormente, secretario xeral do Partido Socialista de Galicia A candidatura se oficializará nun acto público aberto á cidadanía no Hotel Arenteiro o vindeiro venres, día 10 de marzo, ás 20,00 horas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.