Por Galicia Confidencial | Compostela | 06/03/2023 | Actualizada ás 18:09
"Hai un amplo seguimento da folga. A xente está farta". O comité intercentros da CRTVG fala xa de "éxito rotundo" dunha nova folga convocada no ente público para denunciar a "manipulación" e o "maltrato laboral" aos traballadores.
O intercentros enmarca estas mobilización, aprobada en asemblea polo conxunto dos traballadores e traballadoras, nun contexto laboral "absolutamente deteriorado" por "anos de manipulación informativa, precariedade, marxinación profesional e desmantelamento da estrutura da capacidade produtiva propia" da corporación.
"Isto é un toque moi forte de atención. A situación é a punta de iceberg e a folga comeza así e non sabemos como pode acabar", apuntan a Galicia Confidencial fontes do Comité Intercentros. Así, destacan que, ademais do "maltrato psicolóxico" ao que a dirección está somentendo aos traballadores, "con cambios da redacción da RG á TVG e viceversa sen ningún tipo de explicación", súmase tamén un horario laboral de 37,5 horas cando se acordara por convenio facer 35 horas.
"A situción é de queime e a xente está moi disgustada. É unha situación moi tóxica que se nota máis en certos ambientes como son os da redacción da RG e tamén no da TVG", indican as fontes consultadas. "Isto é unha mecha que, como arda, non sabemos como vai a acabar... A xente está disposta a chegar a onde sexa", aseguran.
A folga foi convocada polo comité intercentros tras ser respaldada polos traballadores nunha asemblea. Está apoiada por cinco dos sinciatos da CRTVG, CUT, CIG, UGT e Comisións, mentres que USO quedou á marxe.
DATOS DE SEGUIMENTO
"Nós pedimos datos desglosados pero non queren dalos", sinalan desde o Comité Intercentros. Con todo, estas 24 horas de paro deixou xa problemas en moitos espazos da Televisión de Galicia e da Radio Galega, a pesar duns servizos mínimos "abusivos" que o comité recorrerá vía xudicial.
Na TVG non se emitiu 'A Revista', substituída pola reposición dun 'Quen anda aí". Tampouco o programa cultural 'Zig Zag'. O espazo 'O Tempo' saíu, mais fíxoo sen o grafismo habitual e na Radio Galega caeu 'O Tempo' e non saíron ao aire o espazo 'Diario Cultural' nin os deportes.
Pola súa banda, a CRTVG resta importancia á folga que este luns, 6 de marzo, se está a levar a cabo nos medios da corporación pública para denunciar a "manipulación informativa" e o "maltrato laboral e psicolóxico" ao conxunto dos traballadores e traballadores. "O seguimento foi do 28% (27,7%), o que supón que máis do 70% (72,3%) do persoal non secundou á folga", indica nun comunicado remitido a Galicia Confidencial. Ademais apunta ás diferencias que hai entre traballadores e o comité de empresa desde hai meses.
PROTESTAS
"Máis información, menos represión". Baixo este lema máis dun cento de traballadores percorreu esta tarde os arredores de San Marcos, onde se atopa a sede da CRTVG nunha protesta na que tamén estiveron distintos representantes políticos da oposición.
Esta protesta é a segunda convocada en menos de cinco meses, logo doutra xa celebrada o pasado 6 de novembro. Tamén chega logo de fortes polémicas na Cámara galega pola falta de renovación da dirección xeral do ente público e pola manipulación informativa e da confirmación da primeira sentenza contra a CRTVG por represaliar un traballador crítico en represalia por mobilizarse cos venres negros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.