Pilar Estévez: "Non pode ser que unha única forza política se autoarrogue un espazo feminista completo"

Pilar Estévez forma parte e é representante da Plataforma Feminista Galega e tamén é participante na Asemblea Aberta Feminista de Compostela. Nesta entrevista manifesta unha serie de pareceres sobre a lei do "só si é si" desde voces feministas non vinculadas ás forzas de goberno. Fala da necesidade de formación teórica feminista e tamén dunha unidade de acción de todo o abano feminista.

Por Moncho Mariño | Santiago | 07/03/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia


-Cal é a percepción que se ten desde a Plataforma Feminista Galega e da Asemblea Aberta Feminista de Compostela sobre as posturas abertas dentro do Goberno coa lei “Só si é si”, e a polémica arredor da redución de penas a delincuentes sexuais?
O primeiro de todo é ter serenidade, era o que xa se debía ter desde o comezo e escoita activa de todo o movemento feminista, era unha necesidade mais tamén temos os nosos tempos. Cremos que partindo diso, hai partes interesantes e positivas da lei e que, efectivamente, o consentimento é esencial. Outro tipo de debate sería aquel en relación ao castigo e de que o castigo non sería o único camiño. Se todo isto se fixese con diálogo suficiente, con reflexión, para poder entendelo ao mellor non estariamos de acordo, aínda así, está claro que facer didáctica dunha actitude non punitiva precisamente dentro dun contexto onde as mulleres sofren día a día violencia machista, non é o máis acaído. Non queremos dar argumentos manipulables a forzas políticas que na súa concreción e praxe carecen dunha perspectiva feminista horizontal na súa base ideolóxica.

Manifestación do 8M de 2022 en Santiago
Manifestación do 8M de 2022 en Santiago | Fonte: ÁLVARO BALLESTEROS - Europa Press.

-Vedes que o comportamento dos socios de goberno está dándolle argumentos á dereita?
Non quero entrar en dicotomías. Deben ser os socios de goberno quen deben entrar a valorarse como forzas políticas gobernantes. Creo que debemos baixar o nivel de exabrupto público. Deberían ter en conta que están falando sobre a metade da poboación que agora mesmo está preocupada e dentro delas hainas que sufriron actos de violencia machista e están a vivir un acto de revictimización, tendo todo isto en conta, deberían e deberiamos falar todos con delicadeza e atención. Ademais, darnos conta que elas son as protagonistas principais e non as forzas políticas do Goberno, penso que aí perderon o horizonte.

-Queres dicir que todo o debate sobre a muller non ten como protagonista á propia muller?
Si, e se tivésemos un diálogo máis calmo e se as forzas políticas que lexislaron mantivesen unha dicotomía didáctica a respecto do que se buscaba facer, ao mellor non teriamos unha controversia social. Creo que non houbo tempo para que se producise ese diálogo coa finalidade de facer a lei do “só si é si” mellorable. Todas as leis son mellorables, mais neste caso tendo en conta que supón un avance substancioso en relación ao consentimento, debería terse feito coa mellor das maneiras posibles. Todo para que non houbese ningunha fenda para que parte da xudicatura sen perspectiva feminista puidese acollerse a ela e realizar rebaixas nas penas.

Non queremos dar argumentos manipulables a forzas políticas que na súa concreción e praxe carecen dunha perspectiva feminista 

-Cal credes que é o discurso ou o elemento clave detrás desa rebaixa de penas aplicada pola xudicatura sen perspectiva feminista?
O elemento que o permite é a propia lei. Se unha lei te pode favorecer eles vana aplicar, mesmo se pode acusar de non querer aplicar a lei a xuíces que non ven con claridade o feito de aplicar esa rebaixa. Por iso digo o de fiar moi fino cando se creou esta lei, polo ordenamento xurídico que temos. Non debera ter igual peso roubar unhas botellas de viño que acosar a alguén nunha discoteca.

-Existe unanimidade polo menos na maioría do movemento feminista, sobre a necesidade de aplicar un debate arredor da Lei de Igualdade?
A maioría está de acordo. Outra cousa é que haxa mulleres organizadas nos espazos políticos que están gobernando e non fagan a mesma reflexión. Aínda así, a voz da maioría dos grupos feministas non está saíndo. Non pode ser que unha única forza se auto arrogue un espazo feminista completo, á parte que non é real.

-Falabas dun elemento importantísimo e clave: o consentimento. Con todo, quedan aínda elementos por engadir para reforzar este aspecto?
De momento estamos asesorándonos con compañeiras para comprender aqueles elementos que forman parte desta lei e que permiten a rebaixa de penas, por exemplo. Por tanto, non me vou aventurar en dicir algo que non sexa correcto xuridicamente. Só podo manifestarme sobre a esencia, que se debera ter traballado máis para evitar esas rebaixas.

-Existe unha ou máis fendas dentro do feminismo máis activo?
A estas alturas xa están sendo públicas. Estanse a manifestar en redes sociais e no propio 8 de Marzo. É difícil manter un equilibrio porque hai matices que nos viñeron cortados tanxencialmente mesmo desde as esferas políticas que están gobernando. Colocar a praxe  política sobre as voces do movemento creou un corte moi potente que se reflectiu desde o debate da lei Trans até a do “só si é si”. Sigo pensando que no 8M deberamos ir xuntas baixo aquilo no que coincidimos. A consecuencia de todo isto é a bipolarización do debate.

 a voz da maioría dos grupos feministas non está saíndo

-Cales foron os puntos onde se diverxeu en relación coa lei Trans?
O feminismo sempre acompañou ao movemento LGBTI, sempre foi un aliado, incluíndo o movemento transxénero. Dentro da Plataforma temos unha diversidade que respectamos e por tanto, non se pode dar unha resposta única porque estamos aínda dentro do debate e da escoita.

-Actualmente cales son as accións que realizades desde a Plataforma e da Asemblea para a formación en teórica feminista?
Recompilamos teoría sobre a argumentación da lei trans e do só si é si. Tamén estamos programando mesas redondas, unhas internas e outras con participación aberta. Cremos que o debate con argumentos poderemos facer que isto sente as bases para manter unha actitude máis feminista e menos polémica.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta