Por Europa Press / Redacción | Galicia | 11/03/2023 | Actualizada ás 16:55
O Ingreso Mínimo Vital (IMV) chega a 29.000 fogares e 74.500 persoas en Galicia. Así o asegurou o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, que reivindicou que se trata dunha das "máis importantes políticas de inclusión e de redistribución de renda" do Goberno central e que responde á intención do Executivo socialista de "non deixar a ninguén atrás".
José Miñones fixo esta valoración tras visitar na Praza Roxa de Santiago o autobús posto en marcha para proporcionar información á cidadanía sobre o Ingreso Mínimo Vital e facilitar a súa solicitude. Na capital galega estará durante o sábado e tamén o luns, en horario de 09,00 horas a 14,00 horas e de 15,00 horas a 18,00 horas.
En declaracións aos medios, o delegado explicou tamén que o Ingreso Mínimo Vital é unha política social que engloba máis elementos que a prestación económica. Así, detallou que se complementa con outras medidas para garantir a integración plena das familias e individuos perceptores.
Ademais, sinalou que é unha "política viva" que vai engadindo capas de protección e que se adapta á realidade dos perceptores, cunha especial atención a familias monoparentais (en Galicia case 8.000) e con discapacidade.
Pola súa banda, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, destacou que o IMV cubriu "un oco moi grande" para os veciños do municipio, xa que durante a pandemia o consistorio municipal puxo en marcha "todo un programa de bonos" que se sumaba ao "salario de inserción social destinado ás persoas sen recursos" e que naquel momento, segundo o rexedor, percibían "case 500 persoas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.