Por Moncho Mariño | Santiago | 19/03/2023 | Actualizada ás 22:00
Un número destacado de PSX (Persoal de Servizos Xerais) do SERGAS, así como parte do colectivo médico, están en desacordo coa aplicación do sistema XIDE (Xestión Integral de Demanda en Equipo). Desde a súa posición, os PSX temen que isto supoña asumir tarefas sanitarias que corresponderían á triaxe enfermaría-médico. O medo reside en cometer un “erro” e as consecuencias que pode ter para unha persoa doente. Pola súa parte, médicos do SERGAS ven o mesmo risco ademais dunha maneira de “rebaixar as listas de espera” porque non hai profesionais abondo en enfermaría e atención primaria.
APLICACIÓN DO XIDE
O colectivo dos PSX cre que se estaría arriscando a asumir tarefas de deducción médica mediante o XIDE. Isto failles temer que nalgún momento sexan eles quen asuman a decisión de derivar ou non á persoa que acode ao centro de saúde. “Ademais, a formación para prepararte é online” din desde a Asociación de PSX.
“O problema está en que se recorre a persoal non sanitario para facer o primeiro contacto con pacientes nun mostrador e violando a confidencialidade” di Enrique Marra, secretario xeral do CESM Galicia. Alén disto, a clave para Marra está en que “o SERGAS foi moi listo, porque sacou a normativa mais non a fixo obrigatoria, por tanto, cada centro de saúde escolle se o aplica ou non”.
Desde a Consellería de Sanidade sinalan que “o persoal administrativo dos centros de saúde limítase a introducir no sistema tecnolóxico o motivo de consulta que lle indica o paciente, sen realizar ningún tipo de valoración de signos e síntomas. É dicir, o PSX só transcribe a palabra clave ao aplicativo”.
Un médico dun centro de saúde que non facilitou o seu nome describe o XIDE como “ unha triaxe en atención primaria para a distribución das axendas de traballo, un labor que fan os PSX, organizan as citas, nós, os médicos, só temos cinco ocos para citas programadas”.
TRIAXE “ENCUBERTA”
O sistema de triaxe aplicado no SERGAS é maioritariamente o denominado Mánchester. Desta maneira, os servizos de enfermaría contactan co paciente e logo será derivado á especialidade que se considere oportuna. Isto sempre baixo criterios de persoal médico e enfermeiro. “Estanse violando códigos deontolóxicos porque o persoal non sanitario non pode atender doentes” di Marra.
“O SERGAS di que estás cuberto, teoricamente, en caso de comenter un erro” din da Asociación de PSX. “Os médicos, por exemplo, teñen un seguro de responsabilidade civil mentres que os PSX non o temos”. Ademais, a mesma Asociación sinala que a triaxe actual está avalada por varios organismos e o XIDE de momento non.
A intención de rebaixar as listas de espera na Atención Primaria segundo os profesionais non se materializou. Pola contra, segundo o CESM, o número de consultas aumentou un 30% desde 2019 mentres o número de profesionais médicos diminuía.
A resposta de Sanidade é que desde a entrada en funcionamento do XIDE, o número de citas forzadas baixou un 50% “axudando a rebaixar a sobrecarga nas axendas dos médicos de familia”. Ademais disto, engaden que “o XIDE non reduce a presencialidade nin o contacto co médico porque isto sempre está garantido, o paciente será atendido de maneira presencial se así o desexa”.
Actualmente tanto sindicatos como colexios profesionais de médicos están esperando se a implantación se fai efectiva en todos os centros de saúde. En tal caso, para que se produza deberán aparecer as correpondentes instrucións para asentalo no sistema de saúde. Se isto se produce é posible emprender accións legais en contra deste programa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.