Por Galicia Confidencial | Ourense | 16/03/2023 | Actualizada ás 09:00
O Concello de San Xoán de Río quixo buscar este ano unha actividade diferente para conmemorar o 8M e pensou en Pili Pampín coa idea de organizar unha xornada de convivencia coa veciñanza.
A artista galega estivera xa por estas terras o pasado verán, pero neste caso a súa visita foi diferente, moito máis próxima e máis íntima. Precisamente, a finalidade principal era amosar na distancia curta a unha muller loitadora, moi popular e moi querida en Galicia, unha gran artista que como se puido comprobar non perdeu a humildade.
DESENVOLVEMENTO DA ACTIVIDADE
Seguindo o programa, o recibimento a Pili Pampín fíxose ás 12:00 h. na Praza da Igualdade e consistiu nunhas coreografías que representaron, por un lado a Asociación de Mulleres Anel e por outro a monitora de danza D’Ariya. Un grupo de mulleres da entidade desenvolveron unha coreografía coa canción ‘Monotonía’ de Shakira, e D’Ariya representou ‘Pink Venom’.
A continuación, xa no Salón de Plenos do concello e despois dunha breve introdución a cargo do alcalde, Xosé Miguel Pérez Blecua, Pili Pampín abriríase ás veciñas para falar dela e da súa vida en perspectiva feminina. Contou como foi a súa infancia, como empezou a cantar e como se fixou nela a Orquestra Compostela; tamén confesou que as comparacións con Ana Kiro son para ela sempre un motivo de orgullo, que a coñeceu ben e que foron grandes amigas; falou do seu salto á televisión e o ben que se atopa no medio e tamén de como foi a idea de colaborar co artista Ortiga, unha experiencia fantástica e moi divertida para ela.
Despois de romper o xeo chegaron as preguntas das mulleres que había arredor dela nun Salón de Plenos que non se collía. Unha das máis activas preguntando foi Milagros Calvo, presidenta da Asociación de Mulleres Anel, pero tamén interviñeron outras con gran naturalidade. A Pili preguntáronlle, por exemplo, se tivera algún episodio no que lle faltaran ao respecto como muller, e dixo que non; e que levaba peor da súa profesión, contestando neste caso que o peor era o tempo que tiña que estar fóra da casa sen poder estar coas súas fillas. Valorou os avances no tema da igualdade pero recoñeceu tamén que aínda queda moito por facer.
Ao remate da charla, e tras falar da repercusión das súas novas experiencias musicais, puxéronse na pantalla interactiva do Salón de Plenos dous grandes hits actuais de Pili Pampín con Ortiga: “Eu chorar, chorei” e “O Galo”.
XANTAR, ACTUACIÓN DE PILI PAMPÍN E BAILE
Chegadas as 14:00 h. a xornada continuou cun xantar no baixo da Casiña Azul, comida na que Pili compartiu mesa cunhas 60 mulleres de San Xoán de Río.
Rematado o xantar comezaba, sobre as 17:00 h., a música e o baile da man da disco móbil DJ Rafa, de Radio Monforte. Música escollida para rematar a xornada como nos bailes de antes e como detalle unha pequena intervención da propia Pili Pampín cantando parte dos seus grandes éxitos.
O ambiente que se creou alí foi espectacular, todo o mundo bailando e cantando, arroupando á artista e sacando vídeos do momento para inmortalizar unha tarde de festa para lembrar. Antes de marchar, Pili Pampín tivo tempo para falar con algunhas mulleres e sacar fotos con elas, moitas emocionadas de poder ter tan de preto a esta gran artista.
A impresión final das asistentes, segundo Susana Gómez González --CIM de Trives--, foi que o encontro gustou moito, dixeron “que estaban encantadas coa actividade”.
A iniciativa desta actividade de convivencia feminista partiu do Concello de San Xoán de Río e colaboraron no desenvolvemento da mesma o Centro de Información á Muller da Pobra de Trives e o Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.