A resaca da pandemia

Cando, no mes de Marzo de 2020, a Organización Mundial da Saúde (OMS) certificou a existencia dunha pandemia provocada por un virus até entón descoñecido -e do que, por certo, segue sen existir un diagnóstico común suficientemente contrastado sobre a súa orixe-, produciuse unha ruptura notábel na vida social e nos códigos normativos deseñados anteriormente por todos os gobernos e organismos internacionais.

Por Xesús Veiga | Compostela | 17/03/2023

Comparte esta noticia
Esta imprevista catástrofe sanitaria provocou danos moi graves na poboación (mortes, afectacións permanentes na saúde, empeoramento das condicións de vida e traballo de millóns de persoas...) e alimentou debates importantes sobre a necesidade de revisar a calidade dos modelos de benestar social existentes e reconsiderar algunhas dinámicas económicas dominantes no sistema mundial.
 
Tres anos despois do estoupido desta crise, non se pode afirmar que se teñan acometido cabalmente os cambios propostos ou suxeridos durante os meses mais duros da pandemia. Concretamente, no ámbito do Estado español non se ten realizado unha auditoría sistemática que permitira identificar as feblezas -e tamén as fortalezas- detectadas nas actuacións das Administracións públicas concernidas. Hai dous sectores nos que semellantes carencias analíticas resultan mais graves: a situación dos sistemas sanitarios públicos e das redes de atención ás persoas maiores e/ou dependentes.
 
No caso da sanidade, non se aproveitou a oportunidade do masivo apoio demostrado pola cidadanía aos esforzos desenvolvidos polas equipas humanas nos momentos mais duros da incidencia da COVID e non se adoptaron medidas que mudaran substantivamente as limitacións preexistentes nas estruturas sanitarias. 
 
Recentemente, Amnistía Internacional presentou un informe moi revelador do sucedido nas residencias de maiores ubicadas no territorio español: mais de 35.000 persoas morreron neses centros e non se depuraron, a día de hoxe, as responsabilidades derivadas de tal circunstancia. A case totalidade das investigacións abertas no eido xudicial foron arquivadas e practicamente non se promoveron indagacións exhaustivas no seo das institucións políticas representativas. Para as familias afectadas non existiu a reparación que requiría a dimensión da traxedia vivida. Para o conxunto da sociedade non houbo o imprescindíbel balance crítico que permitira establecer unha nova folla de ruta  para mellorar a prestación deste servizo básico dun Estado de benestar digno de tal nome.
 
Conforme nos fomos afastando daquel fatídico 2020, desapareceron do debate público as reflexións sobre a pertinencia de revisar algunhas das dinámicas instaladas no funcionamento do sistema económico ou de cuestionar algúns dos vectores que veñen presidindo o desenvolvemento de sectores moi relevantes do mesmo. Falouse, por exemplo, da comenencia de corrixir aspectos nocivos asociados á deslocalización de determinades actividades produtivas (lémbrense os graves problemas padecidos nos primeiros meses para asegurar o subministro de material sanitario). Tamén se evocou a pertinencia de redefinir os modelos turísticos para reducir as dependencias excesivas e os impactos negativos sobre a sustentabilidade ambiental. As expectativas xeradas naquel momento non tiveron tradución práctica significativa: recuperouse a normalidade pero non a que se anunciaba como "nova" senón a que xa se coñecía antes da pandemia.
 
As mudanza mais visíbeis que se teñen operado neste período fan referencia ás respostas dadas no escenario da UE. Se na grave conmoción rexistrada a partir da crise financeira iniciada nos USA en 2008 a reacción da Comisión e do BCE foi o chamado "austericidio" (aplicación de fortes medidas de redución do gasto público nos países do sur da Europa comunitaria), nesta ocasión a resposta foi notabelmente diferente: suspensión temporal das regras relativas ao déficit e ao endebedamento das Administracións (anunciase, agora, que serán recuperadas para o 2024) e posta en funcionamento de políticas expansivas do gasto público mediante a provisión de fondos extraordinarios financiados conxuntamente polos órganos da UE. Se a iso engadimos a acción concertada no ámbito da adquisición de vacinas para neutralizar unha parte dos efectos mais destrutivos da pandemia, obteremos a conclusión de que o shock provocado pola COVID permitiu restaurar unha parte da confianza perdida polas poboacións europeas ante as políticas acometidas no pasado recente polas institucións comunitarias. A pesar de todas as limitacións que se podan sinalar e das incógnitas que penduran sobre o futuro, nestes meses demostrouse que era unha falacia aquela pretensión de que só era viábel unha determinada orientación de política económica para enfrontar as crises graves padecidas polas diferentes sociedades da nosa contorna

Os ministros do Goberno á súa chegada á cerimonia de Estado para homenaxear ás vítimas da pandemia de Covid-19
Os ministros do Goberno á súa chegada á cerimonia de Estado para homenaxear ás vítimas da pandemia de Covid-19 | Fonte: Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.