Por E.P. | A CORUÑA | 17/03/2023 | Actualizada ás 10:39
A Real Academia Galega, no seu pleno ordinario deste xoves, nomeou ao filólogo ourensán Luciano Rodríguez Gómez académico correspondente.
Segundo destacou a entidade, Rodríguez Gómez, profesor honorario da Universidade da Coruña (UDC), desenvolveu ao longo da súa carreira unha "constante actividade investigadora e divulgadora da literatura galega" na que lle prestou unha atención especial á produción poética.
Estudou en profundidade, entre outros autores, a Aquilino Iglesia Alvariño, a quen dedicou a súa tese doutoral, a Miguel González Garcés ou a Xohana Torres, de quen foi editor. É, ademais, antólogo e tradutor de poesía galega a outros idiomas e traduciu aos galego versos de autores cataláns e casteláns como Joan Margarit, Luís García Montero e Anxos Moura.
O novo académico correspondente licenciouse en Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago de Compostela no ano 1977. Tras impartir Lingua e Literatura Galegas en distintos institutos, desde o curso 1991-1992 foi docente na Universidade da Coruña, onde defendeu a súa tese sobre Aquilino Iglesia Alvariño. Actualmente, é profesor honorario da mesma institución e colabora na docencia do master de Literatura, Cultura e Diversidade da Facultade de Filoloxía.
Entre outras obras, foi coautor, xunto a Gonzalo Navaza e Ramón Gutiérrez, de 'Literatura Galega. Historia e antoloxía', autor de 'A poesía de Aquilino Iglesia Alvariño' e editor de 'Poesía' de Miguel González Garcés, 'Poesía reunida (1957-2001)' de Xohana Torres e 'Memoria dous días, formas da levidade. Poesía reunida (1979-2017)' de Xulio López Valcárcel. Tamén editou ensaios sobre poesía de autores como Miguel Anxo Fernán-Vello ou Eva Veiga.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.