Por E.P. | Cobas (Ferrol) | 17/03/2023 | Actualizada ás 11:30
A área Sanitaria de Ferrol conta desde o pasado mes de xuño cunha consulta multidisciplinar cardiorrenal, na que profesionais das especialidades de Cardioloxía e Nefroloxía abordan a un total de 31 pacientes de forma conxunta.
Coa iniciativa destes dous Servizos do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, a Xerencia da área sanitaria destacou que diminúen as visitas que estes pacientes teñen que facer ao centro hospitalario e se xunten todos os actos sanitarios relacionados nun só día.
Como explican os responsables desta consulta, o nefrólogo Pablo Bouza Piñeiro e o cardiólogo Manuel López Pérez, "corazón e ril están moi interrelacionados e a enfermidade dun órgano aumenta a disfunción do outro". Os factores de risco son similares, como a hipertensión, a diabetes ou a obesidade. "Trátase", matiza Pablo Bouza, "de traballar de forma coordinada para mellorar a vida do paciente".
Estes pacientes teñen características complexas e frecuentes visitas ao centro hospitalario. Deste xeito, son escollidos polos profesionais cuns criterios clínicos definidos, e o denominador común adoita ser insuficiencia cardíaca e enfermidade renal crónica avanzada.
O perfil da persoa nesta consulta coincide cun home (o 77% dos casos), cunha idade media de 70 anos. O 61% dos mesmos son diabéticos. A consulta prodúcese canto menos unha vez ao mes, e atende unha media de oito pacientes de forma integral ese mesmo día.
"A consulta multidisciplinar rompe ese comportamento estanco clásico e ofrece maior permeabilidade e transversalidade ao paciente", sinalan. "É unha forma eficiente de abordar unha patoloxía crónica cun alto impacto sanitario", sinala o nefrólogo Pablo Bouza.
A iso, o cardiólogo Manuel López engade que "o enfermo crónico complexo debe tratarse da forma máis holística posible, desde todos os puntos de vista".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.