Conta atrás para o San Lázaro 2023 en Verín

O Concello de Verín retoma a súa tradicional festa patronal e presenta para a fin de semana do 25 e 26 de marzo un completo e variado programa de actividades enfocadas para todos os públicos.

Por Galicia Confidencial | Verín | 23/03/2023 | Actualizada ás 08:55

Comparte esta noticia

Segundo afirmou na presentación do cartel Manuel Lorenzoconcelleiro de Transporte, Feiras e Hostalería, "veciños e visitantes poderán desfrutar dunha completa fin de semana con máis dunha vintena de actividades,  distribuídas por toda a vila, para todos os segmentos de público e todas as idades".

Presentación do programa do San Lázaro 2023. Foto: Prensa Concello de Verín.
Presentación do programa do San Lázaro 2023. Foto: Prensa Concello de Verín.

Feira de Artesanía e alimentación, actuacións musicais, natación, actividades de lecer para todas as idades, unha mostra de vehículos novos e de ocasión, menús especiais lázaro e os tradicionais actos relixiosos conforman a oferta preparada polo Concello de Verín para esta nova edición do Lázaro.

DEPORTES, ARTESANÍA, GASTRONOMÍA E OBRADOIROS

Este ano, no eido dos deportes, celebraranse o sábado 25  de marzo os seguintes eventos: as 10:30 horas, o Torneo das Escolas Deportivas de Natación na Piscina Climatizada de Verín coa e o partido de veteráns de fútbol entre o A.D. Veteranos Verín e o G.D. Chaves, no Complexo Deportivo de A Granxa, ás 16:30 horas.

Os días 25 e 26 de marzo haberá unha completa feira de mostras de artesanía e alimentación, ubicada no Pavillón Municipal de Deportes de Verín e repleta de actividades variadas como obradoiros, cata e maridaxe de viños, ambientación musical ou catas de produtos de alimentación.

Olaría, cestería, coiro, traballo en porcelana, cerámica decorativa, xoiaría de prata, traballos en fieltro, roupa artesá, coitelaría, instrumentos musicais, xabóns artesanais, artigos personalizados; ou embutidos, queixos, doces, mel, patés, viños, marmeladas, filloas, anchoas, pan, licores, aceite, serán algúns dos sectores e produtos que se poderán encontrar nos máis de medio centenar de expositores que participan este ano na feira. Ao igual que nas pasadas edicións, a D.O Monterrei estará presente co seu Túnel do Viño durante as dúas xornadas.

Para os máis cativos e cativas haberá obradoiros, xogos e manualidades --actividades que requiren de inscrición previa-- e para complementar o programa volve a mostra de vehículos novos e de ocasión. 

PROGRAMACIÓN MUSICAL E ACTOS RELIXIOSOS

O sábado 25 de marzo, ás 17:30 horas, a praza da Mercé será o escenario da segunda edición do Festival de Bandas de Música “Vila de Verín”, que contará coa participación da Banda de música de Castrelo (Cambados), Bandas dos Conservatorios Profesionais de Música de Verín e As Pontes. Por outra banda, a Praza García Barbón acollerá a actuación da Orquestra Claxxon en dous pases. Ás 21:00 e á 1:00 da madrugada do domingo.

Xa o domingo 26 de marzo, ás 17:00 horas, haberá un pasarrúas a cargo do grupo Tómalle Outra desde a Praza García Barbón ata o Pavillón Municipal (Percorrido pola Feira do Lázaro). Para rematar --a partir das 19:30 horas-- a Orquestra Olympus pechará a programación musical do Lázaro na Praza García Barbón.

O domingo, ás 12:00 horas, celebrarase a tradicional misa do Lázaro na Igrexa Parroquial de Santa María a Maior. A Coral de Verín acompañará o acto relixioso e ao rematar haberá unha procesión ata San Lázaro que contará coa participación da Banda de Gaitas do Concello de Verín.

Programación completa na web do Concello de Verín.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta