Unha obra ferriniana de Airiños

Ferriniana non por Bryan Ferry senón por Xosé Luís Méndez Ferrín, autor do guión orixinal que data de 1983, Celtas sen filtro é a comedia que o grupo teatral rianxeiro Airiños acaba de adaptar á actualidade do ano 2015.

Por Ramón Torrado | Ribeira | 14/02/2015

Comparte esta noticia
Entrando por primeira vez no novo auditorio Abanca situado onde antes estaban os entrañables almacéns El Pilar na estreita rúa do Preguntoiro en Compostela, impresiona o deseño de madeira clara dun espazo lixeiramente claustrofóbico pero cómodo e moderno.
 
Pasados uns días para reflexionar sobre esta función benéfica levada a cabo por Airiños nese auditorio, chégase partindo dunha certa humildade á conclusión de que hai un empate a tres entre subxectivos defectos e virtudes.
 
O primeiro posible defecto é o título, homónimo en galego da columna “Celtas sin filtro” do escritor Luís Pousa Meréns no xornal El Correo Gallego . Para os que detestamos o tabaco resulta desagradable, e ademais non ten relación directa co argumento da obra. Por suposto, o título é a decisión do autor e non é responsable o grupo de teatro.
 
O segundo defecto é a vulgaridade que por intres se desprende da representación, por exemplo cando se lle adxudica a Mariano Rajoy un insufrible cheiro a suor que causa repetidos espaventos dos actores. Tamén na linguaxe hai numerosos casos de palabras e expresións groseiras que arrancaran algúns risos ou sorrisos do público pero cun alto custo para a dignidade do evento, tal como sucede con demasiada frecuencia no en xeral positivo programa Luar da Televisión de Galicia nas intervencións de humoristas amadores ou profesionais. Que imaxe se traslada aos espectadores? 
 
O terceiro defecto ten relación co segundo pero entra nun problema máis profundo, que é o seguinte: tendo en conta que as personaxes son case totalmente galegas, que imaxe de Galicia é transmitida aos que miran e escoitan? Aparece algunha figura admirable neste esperpento facendo contraste? Semella que non: todo semella estar cheo de cobiza, brutalidade, egoísmo, falsidade, exceso de enxebrismo, engano, vaidade, incompetencia, malicia e corrupción. Vendo esta adaptación, unha persoa galega propensa ao autoodio sentiría confirmadas aquí as súas hipóteses sobre a propia terra.
 
A versión de Airiños, con todo, non deixa de ser unha visión moi valente, dando por exemplo tiróns de orellas ás forzas da esquerda polas súas obsesións individuais en detrimento da coordinación. Hai ademais outras características positivas na súa produción. 
 
A primeira virtude a sinalar é tal vez a máis orixinal. Trátase da sensualidade madura feminina. Resulta gratificante ver como as actrices cobran neste espectáculo un atractivo moi favorecedor que sorprende e fai parar os pasos ao trillado. Así, Merchi Pimentel transfórmase nunha Sharon Stone de pernas cruzadas cando fai de política da Xunta, Mari Santos faise moi sexi cunha perruca e un ataque de rubor vendo como dous homes a cambian de entrevistadora a entrevistada, e resulta abraiante o efecto namorador da fraxilidade cando cunha perruca fai de presentadora a actriz Lupe Mazariegos, que nunha escena posterior causa ledicia e tenrura cando exclama “Ves Chuco? Non te dixen que ía saír na televisión?”
 
A segunda virtude é a dirección de Esther F. Carrodeguas. Case ningunha escena se excede en duración; cada actriz e cada actor está ben escollido para cada papel, algúns de maneira moi brillante; hai algunha sorpresa que non se pode desvelar e que aporta frescura; e hai, finalmente, detalles maxistrais, como o de parar a escena, quedando os actores conxelados con grande forza dramática e estética en cadros que lembran a selos de correos da antiga Unión Soviética, co anterior director Xesús Santos en particular engadindo solidez ao conxunto. Bótanse en falta as graciosas reconvencións e a elegante temperanza do actor Pepe Rodríguez que acaba de deixar a compañía.
 
A terceira virtude reside no entusiasmo e bo facer de todo o grupo de actores, todos eles con intres dignos de ser lembrados. Os actores máis novos como Xián Iglesias, Pablo García e Álvaro Ordóñez aportan dinamismo e forza. Os máis veteranos como Mucha Ordóñez, Ánxela Silva, Segis Zúñiga e Bautista o Quinto traen unha sorte de inocente sabedoría. O actor Tino Miranda, que tan destacado estivera no papel protagonista da obra “Nin rico nin pobre senón todo o contrario” deste grupo, non acaba de parecer plenamente mergullado no papel de Rajoy. Fai un bo papel de presentadora dun programa coral a actriz Graciela Muñiz. 
 
Hai dúas actrices e un actor que resultan especialmente estelares nesta representación. En primeiro lugar, encantan as intervencións de Saro Varela, que fai rir con grande facilidade e trae pracer coa súa fala rianxeira. Tamén é exultante o carisma e o talento de Ramona Golias para provocar humor, en particular no papel de reporteira do Instituto de Estudos Galegos Troncoso de Castro. En contraste, case fai que asomen bágoas de amor pola terra un discurso da sempre estimulante Teresa Gey, vestida de galega e usando os seus brazos en potente linguaxe corporal.
 
Finalmente, queda por apuntar dentro desta terceira virtude o papel excepcional que desenvolve Raquel Ramos como presentadora do acto. Vestida con traxe escuro de gala e chistera à la Johnny Depp, chama moito a atención o seu comportamento durante toda a obra. Nun principio, irrita a súa aparente actitude displicente, como se estivera aburrida e desencantada, lendo con rutina o que tal vez é o guión no atril que ten diante. Porén, segundo pasa a obra, ela vaille dando á esta versión de Méndez Ferrín un toque “cool” e postmoderno que non oculta o ton intelectual nunha das súas elocucións. Aporta, en resumo, gravitas e profundidade ao que podía quedar como unha farsa ácida de escarnio e maldizer.
 
Un empate que tende no fondo a unha vitoria do positivo é o balance final desta nova aventura do grupo teatral máis antigo de Galicia. O petróleo que se encontra xusto debaixo do Santo dos Croques é o símbolo que sustenta a este vehículo artístico da compañía Airiños que ademais de facer rir e pasar unha boa velada tamén suscita reflexións en torno á nosa terra de Galicia e a algúns denigrantes impulsos humanos que se deben intentar superar.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Ramón torrado Ramón Torrado Romero (Araño-Rianxo, 1966). Educado en Galicia, no País Vasco e nos Estados Unidos. Licenciado en Filoloxía Inglesa na USC, é profesor de instituto. Investigador rosaliano. Foi colaborador en Certo, xornal dixital de Barbanza. Ten escritas catro novelas, un libro de relatos e outro de viaxes, entre elas, Rebeca no val das sombras ardentes (Toxosoutos, 2018) e "Torino" (Axóuxere, 2021), a súa última obra publicada.