Por E.P. | Santiago de Compostela | 24/03/2023 | Actualizada ás 17:25
O Servizo de Formación Continua do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ) organiza, os días 29, 30 e 31 de marzo, no auditorio do Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela, a cuarta edición do curso "A protección do patrimonio histórico e a súa conexión co réxime urbanístico", ao que asistirán xuízas e xuíces de diferentes comunidades autónomas.
As xornadas formativas contarán coa participación de Carlos Lesmes, maxistrado da Sala Terceira do Tribunal Supremo e expresidente do Tribunal Supremo e do CGPJ; de Álvaro García Ortiz, fiscal xeral do Estado; e de Consuelo Castro Rey, avogada xeral do Estado.
Ao longo do tres sesións, os relatores analizarán a protección de bens como o Camiño de Santiago ou o Pazo de Meirás. Ademais, profundarán nas medidas dirixidas a fomentar a protección do patrimonio e nas consecuencias de declarar en ruína edificios históricos ou de interese cultural. O director da Fundación Catedral de Santiago, Daniel Lorenzo, transmitirá a importancia da conservación e restauración dos bens protexidos durante unha visita ás cubertas da Catedral.
"Trataranse temas sobre a protección do patrimonio máis aló do ámbito urbanístico, que adquiren especial relevancia pola súa actualidade ou polas controversias que xeran, pois a protección ten que ser integral", explicou a directora do curso, Dolores Rivera Frade, maxistrada presidenta da Sala do Contencioso-administrativo do TSXG.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.