Pescadores voluntarios recolleron 700 quilos de residuos dos fondos mariños galegos

Participaron 92 embarcacións de portos como o da Coruña, o de Corme e os de Celeiro e Burela

Por Europa Press / Redacción | Galicia | 28/03/2023 | Actualizada ás 18:15

Comparte esta noticia

'Upcycling the Oceans' recuperou no último ano máis de 700 quilos de residuos dos fondos mariños galegos grazas á axuda altruísta de máis de 250 pescadores, que colaboraron nesta iniciativa coa que se busca limpar as costas de desfeitos, como bolsas da compra, latas de bebida ou material téxtil, "para darlles unha segunda vida".

Representantes das empresas creadoras do proxecto, Fundación Ecoalf e Ecoembes, visitaron este martes Galicia para anunciar a incorporación, co apoio da Xunta, de dous novos portos pesqueiros da provincia de Pontevedra á iniciativa, en concreto, o porto de Sanxenxo, onde transcorreu o evento, e o de Combarro.

Durante o acto, no que participaron a Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta, Ángeles Vázquez, a directora xeral de Fundación Ecoalf, Andrea Ruzo, a directora de Comunicación e Mercadotecnia de Ecoembes, Nieves Rey, e o patrón maior de Sanxenxo, Saulo Martínez, destacouse a cantidade de lixo mariño que os pescadores galegos extraeron no último ano.

Un total de 709 quilos de residuos é o que recolleron en 2022 os máis de 250 pescadores que participan nesta iniciativa á fronte de 92 barcos. As embarcacións proceden principalmente de seis portos da comunidade: o da Coruña; o de Corme, no municipio coruñés de Ponteceso; os de Celeiro e Burela, na provincia de Lugo; e os de Sanxenxo e Combarro en Pontevedra.

Bolsas da compra ou de conxelados, latas de bebida ou material téxtil son os exemplos máis comúns do lixo mariño que recuperaron os pescadores "de forma altruísta" e aos que se pretende dar "unha segunda vida", mediante a reciclaxe e a economía circular.

COMPROMISO DO SECTOR PESQUEIRO

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, lembrou que cada ano 8 millóns de toneladas de lixo acaban no fondo do mar e que o plástico é un dos residuos máis abundantes neste medio. "Nun segundo tiramos unha bolsa ao mar e esa bolsa tarda 4 séculos en degradarse", afirmou Vázquez, que tamén agradeceu o "compromiso e concienciación" do sector pesqueiro no coidado do medio ambiente.

UPCYCLING THE OCEANS

A iniciativa impulsada por Ecoembes e Fundación Ecoalf recolleu en 2022 ao redor de 190.000 quilos de residuos dos fondos mariños en España coa colaboración de 2.600 pescadores á fronte de máis de 600 barcos de arrastre en Galicia, Cataluña, Comunidade Valenciana, Andalucía e Rexión de Murcia.

Acto deste martes no Porto de Sanxeanxo organizado pola Xunta de Galicia, Ecoembes e Fundación Ecoalf
Acto deste martes no Porto de Sanxeanxo organizado pola Xunta de Galicia, Ecoembes e Fundación Ecoalf | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta