Por Galicia Confidencial | Compostela | 29/03/2023 | Actualizada ás 10:26
O Indicador Abanca-Foro de Conxuntura Económica de Galicia rexistrou no mes de xaneiro un incremento interanual do +1,2%: valor que coincide co do mes de decembro. Esta repetición do valor, tras seis meses consecutivos á baixa, racha a tendencia da actividade económica iniciada no verán cando acadara unha cota máxima do +3,2%.
Os datos de comezo de ano confirman a contención da desaceleración da economía galega, unha vez recuperado en 2022 o nivel prepandémico. Ademais os datos de decembro permitiron evitar a temida recesión que se viña anunciando. Porén, na comparación cos datos do conxunto do Estado persiste o desacople nos seus ritmos de crecemento, amosando España un mellor comportamento que Galicia.
O dato do primeiro mes serve para anticipar cal será o comportamento ao longo do primeiro trimestre ano. O inicio de 2023 non permite ser moi optimistas ao estar marcado por un contexto cheo de intercezas que afecta á confianza dos consumidores, á evolución dun sector chave como o industrial e, máis recentemente, aos mercados financeiros.
No que atinxe á evolución individual das variables recollidas no Indicador, destacan as variables turísticas. En particular, cómpre destacar o comportamento do transporte de pasaxeiros que reflicte un comportamento extraordinario (cun incremento interanual superior ao 40%), o que vén reforzar a boa campaña de Nadal do sector turístico galego
En sentido contrario, a matriculación de turismos segue a retroceder, así como o consumo de gasolina e gasóleo. Ambos sofren descensos superiores ao 10% en termos interanuais no mes de xaneiro, o que da idea das dificultades actuais do sector do automóbil.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.