Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/03/2023 | Actualizada ás 14:07
O PSdeG solicitará a comparecencia no Parlamento do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ante a decisión do Consello Galego de Colexios Médicos de interpor un recurso contencioso-administrativo contra o Plan de Xestión Integral da Demanda en Equipo (XIDE), que emprega o Servizo Galego de Saúde (Sergas) para fixar citas en centros de saúde en función da doenza que describa o paciente.
Anunciouno o secretario de organización do PSdeG, José Manuel Lage, durante unha rolda de prensa celebrada este mércores en Pontevedra, onde resaltou a "preocupación" dos socialistas galegos pola situación da sanidade en Galicia, especialmente, por "o buraco negro no que (o PP) está a converter a atención primaria".
O responsable da dirección do PSdeG alertou da "deterioración permanente" cunha espera media de 14 días, rexistrada o pasado mes de febreiro, que identifca como o "epílogo" dos populares na Xunta, un goberno que ve "esgotado, sen proxecto, sen solucións para a maior preocupación que teñen os galegos e as galegas".
"Urxe que o presidente da Xunta tome decisións", dixo José Manuel Lage que reclama a Rueda que "revise a súa decisión de manter a todo o equipo da Consellería de Sanidade". Para Lage "a herdanza de Feijóo é unha herdanza envelenada e Rueda non está a ser máis que un testamenteiro".
COMPARECENCIA
En dita comparencia, os socialistas queren que o presidente explique ante o Lexislativo autonómico "por que é incapaz de dialogar cos profesionais médicos", xa que entenden que existe un "problema moi grave de interlocución".
"Cremos que o presidente da Xunta ten que tomar algunha decisión. Que siga mantendo ao conselleiro e ao seu equipo na consellería indica que Rueda é cómplice e corresponsable do desastre que ten na sanidade pública en Galicia", concluíu José Manuel Lage.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.