Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/04/2023 | Actualizada ás 16:05
O Concello de Pontevedra remitiu un escrito á Xunta para mostrar o seu malestar pola instalación "masiva" de parques eólicos, segundo informou a concelleira portavoz do Goberno local, Anabel Gulías.
O asunto foi abordado este luns na xunta de goberno local, que acordou trasladar "de maneira formal e institucional" ao Executivo autonómico o seu "malestar pola construción de parques eólicos".
A concelleira nacionalista expresou o enfado do executivo pontevedrés pola construción duns parques que, segundo dixo, non supoñen un "beneficio claro" para os cidadáns, ao xerar un "gran impacto ambiental".
"Lonxe dun beneficio para a poboación, algunhas persoas están a facer políticas públicas para beneficiar ás grandes multinacionais da industria eléctrica, algo que desde o noso punto de vista é inxusto e inxustificable", sinalou a portavoz.
A semana pasada, o Concello de Pontevedra solicitou con carácter urxente un informe de Augas de Galicia para que se aclarase como afectará o abastecemento da cidade as obras que xa están iniciadas no Monte Acibal, en Moraña.
Ademais, están xa presentadas distintas alegacións e reclamacións ao proceder da Xunta á hora de pór en marcha novos parques eólicos no termo municipal de Pontevedra, en concreto, os de Zudreiro e Anduriña.
No seu escrito, o consistorio municipal recalca que o seu compromiso é apoiar aos veciños "recollendo as súas reivindicacións e iniciativas, a través de todos os medios que o permitan, usando o ordenamento xurídico ao noso alcance".
"Queremos frear a instalación masiva de parques eólicos que supoñen a depredación do noso territorio", insistiu Anabel Gulías antes de engadir que están a favor das enerxías renovables, "pero con criterio e sustentabilidade".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.