Por Europa Press / Redacción | Compostela | 13/04/2023 | Actualizada ás 13:55
O Servizo Galego de Saúde (Sergas) sitúa no 15,18% o seguimento global da terceira xornada da folga convocada pola Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) en Galicia. A cifra é lixeiramente inferior ao 15,75% do mércores, pero superior ao 14,26% do martes, que foi o primeiro día.
De acordo cos datos da Administración sanitaria correspondentes á quenda da mañá deste xoves, de nova a área sanitaria de Vigo segue sendo a que máis secunda este paro, cun 23,53% na quenda de mañá.
A unha notable distancia sitúanse o resto: Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras co 16,67%, Lugo-A Mariña-Monforte co 14,51%, A Coruña-Cee co 14,3%, Santiago-Barbanza co 12,55%, Ferrol co 10,98% e Pontevedra-O Salnés co 10,14%.
Ademais, o Sergas, que reitera a súa disposición ao diálogo, destaca o grao de cumprimento ao 100% dos servizos mínimos e que o sistema sanitario "está a responder adecuadamente a todas as urxencias.
CASE 500 OPERACIÓNS ANULADAS
En canto á actividade asistencial suspendida, tamén segundo datos da Administración, na tarde do mércores anuláronse 79 cirurxías, o que supón o 61,7% da media diaria habitual. Tamén houbo que aprazar 243 consultas externas (28,1%) e 49 probas (6,4%). Isto tendo en conta que en moitos servizos hai uns servizos mínimos do 100%.
Ata o momento, a folga convocada por CESM en solitario obrigou a suspender 487 intervencións cirúrxicas, 9.364 consultas externas e 938 probas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.