José Mario Cabo, ferreiro: “Meu pai e máis eu chegamos a facer uns 6000 ou 7000 fouciños ao ano"

O vindeiro domingo, 16 de abril, Riotorto recupera a traxectoria desta celebración que exalta a figura dos ferreiros. Falamos con José Mario Cabo, ferreiro e presidente dunha entidade que representa a este gremio de artesáns do ferro.

Por X.M. Fernández | A Mariña | 14/04/2023 | Actualizada ás 08:35

Comparte esta noticia

Riotorto sempre foi terra de ferreiros. Segundo nos conta José Mario Cabo, presidente da Asociación de Ferreiros de Riotorto, alá polo ano 1941 documentaron uns 56 talleres de forxa. “Case se pode dicir que había un Ferreiro en cada casa”, comenta.

Pezas que se fixeron na Feira do Ferro de 2016. Foto: Asoc. Ferreiros de Riotorto.
Pezas que se fixeron na Feira do Ferro de 2016. Foto: Asoc. Ferreiros de Riotorto.

A tradición do oficio quizais se remonte aos séculos XV-XVI e seica puido chegar dos vascos conservándose moitos apelidos con esa orixe na zona. Achegándonos máis no tempo sabemos por José Mario que nos anos 60 facíanse moitos fouciños para Castela, “meu pai e máis eu chegamos a facer uns 6000 ou 7000 fouciños ao ano nas décadas dos 60, 70 e 80”, lembra.

“Meu pai e eu chegamos a facer uns 6000 ou 7000 fouciños ao ano nas décadas dos 60, 70 e 80”

O noso interlocutor, que agora conta con 64 anos, dinos tamén que dende os 15 xa lle axudaba a seu pai, “fun aprendendo o oficio, mamándoo pouco a pouco queimando moitos ferros”. Despois, ao chegar do servizo militar xa se puxo a traballar con el e sacar encargos ata que chegou o día no que colleu as rendas do negocio para seguir facendo ferramentas de corte e coitelería. “Os fouciños tiñan moita saída, agora hainos fabricados en Portugal ou China pero non son da mesma calidade”, afirma José Mario.

A situación actual do gremio é outra ben distinta. Actualmente pode haber uns 10 ou 12 ferreiros contando os asociados e outros, incluso xubilados que aínda lle dedican algo de tempo. “A xente nova non se incorpora ao oficio e eu, con 64 anos, estou xa pensando en deixalo”, di o presidente da Asociación de Ferreiros de Riotorto.

Ambiente nunha Feira do Ferro de Riotorto. Foto: Goretti Gavín.
Ambiente nunha Feira do Ferro de Riotorto. Foto: Goretti Gavín.

Preguntamos por alternativas como a forxa para a construción ou a forxa artística e decorativa pero en Riotorto non se traballan, sempre estiveron centrados nas ferramentas de corte e na coitelería. Só hai un rapaz que fai forxa artística, Óscar, pero é algo puntual.

“A xente nova non se incorpora ao oficio e eu, con 64 anos, estou xa pensando en deixalo”

ASOCIACIÓN DE FERREIROS E FEIRA DA ARTESANÍA DO FERRO

A Asociación de Ferreiros de Riotorto naceu para divulgar a artesanía de ferro e poñer en valor este oficio, con tanto arraigo na zona. Foi sobre o ano 2006, e despois chegou a feira, un evento que foi medrando moito cos anos cunha atractiva programación na que se incluíron demostracións e actividades para todos os públicos, coa presenza de prestixiosos artesáns de fóra como, por exemplo, Forjas Brun de Navarra --4ª ou 5ª xeración de ferreiros-- e enchéndose de postos de diferentes produtos. Todo isto fai posible que nestes anos se achegaran a Riotorto visitantes de diferentes puntos de Galicia e incluso doutras comunidades como Asturias ou León. Por mor da pandemia, a Feira da Artesanía do Ferro leva tres anos sen facerse. Unha interrupción que se deu os anos 2020, 2021 e 2022. Este ano retómase, chegando á XIV edición, e con moitas ganas segundo nos di José Mario Cabo a quen lle pregunta moita xente que o atopa nas feiras ambulantes ás que vai.

Por mor da pandemia, a Feira da Artesanía do Ferro leva tres anos sen facerse. Unha interrupción que se deu os anos 2020, 2021 e 2022

Como novidade salientable para a feira deste ano refire o noso informante que están intentando ter un mazo eléctrico para que podan facerse dúas versións da técnica coñecida como espalmado: espalmado ao malle e espalmado eléctrico. Nesta demostración dous ferreiros traballan ao mesmo tempo, un por cada lado e con 2 martelos grandes con golpes acompasados. Segundo nos conta, van dando un golpe cada un, acompasados, e resulta unha técnica moi vistosa pero moi difícil de facer.

Tamén haberá demostración de afiado nas moas, un oficio do que deben quedar uns 4 ou 5 afiadores na contorna pois tres dos que ían habitualmente a esta feira xa faleceron.

PROGRAMA

O sábado 15 de abril pola noite hai unha cea popular e ao remate actuará o grupo Fussión.

E o domingo 16, día grande da feira, concentraranse todas as actividades. Ás 11:00 h. procederase á apertura do recinto con postos de produtos da zona e de polbo sendo a protagonista a artesanía dos Ferreiros de Riotorto.

A continuación haberá demostración de diferentes oficios: tallado e decorado de cristal, alfarería de Buño, Cestería, Torneados, Pirogravado, Torneado de Cerámica e Carboeiros.

Ás 12:00 h. actuará o Coro de Riotorto e ás 12:15 darase a inauguración oficial da XIV Feira de Artesanía do Ferro con pregón a cargo de Dona Montserrat García Chavarría, deputada no Congreso dos Deputados.

Despois, ás 12:30 h. demostración en vivo da ‘Artesanía do Ferro’ coa participación dos Ferreiros de Riotorto, do ferreiro austríaco Friedrich Brasmsteidl, Alberto Leis e Forxa Chago de Santiago, Forjas Brun de Navarra e o ferreiro Antonio do Corgo.

Para as 12:45 h. está programado un obradoiro de ferro infantil --con Friedrich Brasmsteidl--e a actuación da Charanga Mekánika xunto cunha animación de fogo e malabarismo.

Pola tarde, ás 17:00 h. outra quenda de demostración de oficios, uníndose ás da mañá unha de pirogravado-torneado de madeira e os Carboeiros de Baleira.

Ás 19:00 h. haberá un espectáculo infantil no atrio da Igrexa.

Ademais da Charanga Mekánika, tamén amenizarán o recinto Gaiteiros de Riotorto.

Ferreiros de Riotorto (2016). Foto: Asoc. F. R.
Ferreiros de Riotorto (2016). Foto: Asoc. F. R.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta