Propoñen a Fosa dos asturianos, en Celanova, para ser declarada Lugar de Memoria

Un informe histórico e outro forense sustentan a petición trasladada ao Goberno español.

Por Galicia Confidencial | CELANOVA | 15/04/2023 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova solicitará ao Ministerio de la Presidencia, Relaciones con las Cortes y Memoria Democrática que incoe o expediente de declaración da Fosa dos asturianos de Celanova como Lugar de Memoria, conforme á Lei 20/2022, de 19 de outubro, de Memoria Democrática. A petición susténtase na presentación de dous informes, un histórico e o outro forense, publicados na páxina web do proxecto Nomes e Voces.

Traballos de exhumación na Fosa dos asturianos. Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova
Traballos de exhumación na Fosa dos asturianos. Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova

O informe histórico, realizado polo Grupo Histagra da Universidade de Santiago de Compostela, e o informe forense, a cargo do Instituto de Medicina Legal de Galiza, publicados ambos esta semana, determinan que a Fosa dos asturianos do cemiterio de San Breixo en Celanova é un Lugar de Memoria.

En concreto, o documento de Histagra sinala  que “a día de hoxe, a fosa é un espazo de memoria no que se recorda e conmemora ás vítimas da Guerra Civil grazas á actividade do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova”.

En canto ao informe forense, asinado por Fernando Serrulla e Jordi Ramos, este subliña que "o lugar onde se practicou a exhumación debe considerarse a todos os efectos un Lugar de Memoria, de conformidade co establecido nos artigos 49 a 53 da Lei de Memoria Democrática”.

O Comité solicitará unha entrevista co Subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, para que se dea curso á petición. O propio González, na súa visita á escavación en decembro pasado a convite do Comité, mostrou a súa disposición para avanzar nos traballos de recuperación da memoria ao redor da fosa. En maio de 2021, o Comité xa se reuniu co Subdelegado para facerlle entrega do informe sobre o símbolo falanxista do Outeiro da Obra e solicitar a súa retirada en aplicación da lei.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta