Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/04/2023 | Actualizada ás 20:01
A Xunta de Galicia formará a 50 persoas a partir deste luns nunha actividade formativa gratuíta que lles permitirá acreditarse como guías especializados do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.
O curso, no que colabora a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, estenderase ata o 14 de xuño e consiste en 70 horas de instrución mediante unha plataforma en liña. Esta primeira fase teórica completarase cunha parte práctica obrigatoria de 30 horas de duración. Neste caso será presencial e terá lugar nas propias illas entre o 2 e o 5 de outubro.
O obxectivo é ofrecer ás persoas interesadas, detallan, a formación necesaria para poder exercer de forma apropiada o labor de guía no Parque Nacional, razón pola que está enfocado en dar aos participantes as ferramentas, técnicas e bases conceptuais para o desenvolvemento de actividades didácticas e a dinamización de grupos.
Entre os 50 inscritos, procedentes das catro provincias, existe "unha gran variedade de perfís profesionais", aínda que a maioría desenvolven a súa actividade nalgún ámbito relacionado co sector da área de influencia do parque. En concreto, participarán informadores en puntos de atención turística, guías, técnicos de concellos ou de organismos vinculados ao sector, traballadores das navieras que operan o transporte aos arquipélagos ou persoal de hostalaría.
Tamén hai algúns profesionais procedentes doutras disciplinas como ornitólogos, biólogos, licenciados en ciencias do mar, arqueólogos; interesados en lograr a capacitación necesaria para poder especializarse na difusión dos principais valores das illas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.