O 94% dos alumnos con necesidades especiais en Galicia estuda en colexios e institutos ordinarios

A Xunta rafitica á Comunidade como a que ten "o ensino máis inclusivo do Estado"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/04/2023 | Actualizada ás 21:04

Comparte esta noticia

A Consellería de Educación destacou este sábado que as estatísticas publicadas polo Ministerio de Educación e FP sobre a situación do alumnado con necesidade específica de apoio educativo volven situar a Galicia como a Comunidade con máis porcentaxe destes estudantes integrado en centros ordinarios.

Tal e como acaba de publicar o Goberno central, o 94% dos escolares con necesidades especiais en Galicia estuda en colexios e institutos ordinarios. Isto supón unha mellora de case medio punto respecto ao rexistro anterior (93,6%) e incrementa a distancia respecto da segunda comunidade, neste caso Asturias. Ademais, o dato galego mellora en máis de 10 puntos a media nacional (83,8%).

Segundo a información difundida polo Ministerio, inclúese na estatística o alumnado que require e, previa valoración polos correspondentes servizos de orientación, recibe unha atención educativa específica debido a necesidades educativas especiais, as dificultades específicas da aprendizaxe, as súas altas capacidades intelectuais, á súa incorporación tardía ao sistema educativo español ou as condicións persoais ou de historia escolar.

Todos eles son atendidos, tanto nos centros ordinarios como nos de Educación Especial, pola rede de ao redor de 4.000 profesionais de atención á diversidade que ten en funcionamento a Xunta. Grazas a eles, recalca a Administración autonómica, Galicia ratifícase como a Comunidade "co ensino máis inclusivo do Estado".

Escola infantil Carmen Cervigón da Coruña
Escola infantil Carmen Cervigón da Coruña | Fonte: arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta