Por E.P. | VIGO | 28/04/2023 | Actualizada ás 13:49
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asinou este venres un convenio coas entidades financeiras Abanca e Caixa Rural Galega para a concesión de avais vinculados a préstamos hipotecarios co obxectivo de permitir aos mozos galegos acceder á súa primeira vivenda.
En concreto, esta iniciativa pretende avalar o 20% do prezo de adquisición do domicilio, unha cantidade que o comprador ten que achegar porque non se inclúe na hipoteca e que, en moitos casos, os mozos non dispoñen de dita liquidez.
Acompañado pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázuqez, Rueda lembrou que o programa 'Avais para a mocidade' forma parte do Pacto de Vivenda de Galicia 2021-2025 coa intención de paliar as dificultades que teñen os máis novos para acceder a unha vivenda en propiedade, xa que non dispoñen de aforros para adiantar a entrada.
"Moitas veces é precisamente ese 20% que falta, e que non se inclúe no acordo da hipoteca, o que impide asinala", lamentou o mandatario autonómico, polo que subliñou que todos aqueles que se atopen nesa situación xa poderán negociar a hipoteca coas entidades financeiras coas que a Xunta asinou o convenio a partir deste venres e ata o 30 de novembro.
Estes avais contan cun orzamento inicial de 5 millóns de euros e van dirixidos a mozos de menos de 36 anos, dando cobertura ao 20% da hipoteca que non cobre a entidade bancaria. Para Rueda, esta medida busca dar resposta a unha "demanda real", reivindicando que nas primeiras horas desde a súa publicación esta mañá xa se recibiron "ao redor de 20 ou 30 peticións".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.