Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/05/2023 | Actualizada ás 18:56
O BNG pedirá ao Goberno do Estado que a Sareb ceda ao Concello de Santiago a parcela de Peleteiro para destinala á construción de vivenda pública de aluguer, así como para a creación dun centro de día, un centro sociocultural e unha praza aberta para o lecer dos veciños.
Así o anunciaron este venres a candidata do BNG á Alcaldía de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, e o deputado no Congreso, Néstor Rego.
Diso informaron nun comunicado, no que o Bloque enmarca esta iniciativa dentro da medida anunciada polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, sobre a mobilización dos activos da Sareb para destinalos a vivenda pública, unha acción que os nacionalistas critican que "nunca fose posible" cando eles reclamaban a cesión ás administracións galegas da 3.000 vivenda que esta entidade ten en Galicia.
"Estaremos atentos e vixiantes de que este anuncio que foi seguido doutros dous por parte do presidente do Goberno español que suman 100.000 vivendas no conxunto do Estado non quede só en propaganda electoral", indicou Néstor Rego.
Pola súa banda, Sanmartín dixo que a medida abre "unha xanela de oportunidade para conseguir que a operación non teña condicionantes de edificabilidade impostos pola rendibilidade económica e sen que o Concello teña que pagar os ao redor de 20 millóns de euros nos que está valorada a propiedade".
Ademais, emprazou ao PSOE local a unirse a esta proposta para "defender os intereses de Santiago por encima de todo e ter unha solución digna a un problema colapsado desde hai tempo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.