Por Galicia Confidencial | Verín | 11/05/2023 | Actualizada ás 09:00
O Concello de Verín vén de presentar, da man de Diego Lourenzo Moura, en representación do Área de Cultura, a programación de actividades que se desenvolverán entre os días 12 e 19 de maio en Verín para celebrar o Día das Letras Galegas.
O 12 de maio a Biblioteca Municipal de Verín organiza unha sesión de contacontos e manualidades das Letras Galegas para os socios e socias máis pequenos (de 3 a 9 anos). Cómpre inscribirse e a actividade desenvolverana voluntarios/as da propia biblioteca.
O 16 de maio, ás 20:30 horas, a Praza da Mercé acollerá un concerto que leva por título “Ialma canta a Rosalía”. Trátase dun espectáculo no que Verónica Codesal, Natalia Codesal, Eva Fernández e Marisol Palomo contan a súa historia, que é a de tantos emigrantes. "O noso proxecto é, coma o de Rosalía, un horizonte de esperanza. Amamos a vida, a música, a poesía, a danza, a xente. Ialma é dignidade, liberdade e alegría de vivir», así definen este espectáculo as integrantes do grupo".
A tradicional gala musico-literaria das Letras Galegas, presentada pola verinesa Helena Pousada Godás, será o día propio das Letras Galegas, o 17 de maio, ás 19:00 h. Na mesma recitaranse os poemas gañadores do Certame de Poesía Xosé Carlos Caneiro Pérez e leranse os traballos que gañaron o Certame de Relato Curto Antonio Fernández Pérez. O Conservatorio Profesional de Verín será o encargado de poñer o broche musical ao evento.
Por último, o venres 19 de maio, a Biblioteca Municipal de Verín acollerá ás 19:30 h. a presentación e proxección do Documental "O Camiño Mozárabe: Sangue, suor e Fe", escrito por Vázquez Taín e producido por Amarola Produciones. Segundo sinalan dende o Concello de Verín, "este documental é un proxecto de máis de dous anos de investigación no que se pon o foco de atención nun dos roteiros máis relevantes do Camiño de Santiago, que quedou inxustamente relegado nos últimos anos e que estamos a tentar recuperar co próximo proxecto".
ACTIVIDADES PARA HOMENAXEAR A FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO
O pasado día 27 de abril unha conferencia servía para abrir as actividades realizadas pola Biblioteca do Concello de Verín para homenaxear a D. Francisco Fernández del Riego, o escritor homenaxeado no Día das Letras Galegas deste ano.
Como complemento a esta actividade, a devandita biblioteca contará ata o mes de xullo cunha exposición: "Camiñando con Ramón Sanfiz, coñecemos a Francisco Fdez. del Riego". A mostra, realizada polo IES Castelao de Vigo e a Secretaría Política Lingüística da Xunta de Galicia, componse dunha unidade didáctica e 10 carteis que percorren as dez paradas máis importantes na vida de D. Paco Fernández del Riego.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.