Adega denuncia unha "auténtica febre do megawatio offshore" na costa galega

Advirte doutro "fracaso ambiental" se se continúa co parque eólico mariño Breogán.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 01/06/2023 | Actualizada ás 11:12

Comparte esta noticia

O parque "Breogán", promovido por Capital Energy Offshore SL, é o último tramitado até o de agora e coincide no mesmo espazo mariño co "Galwind", presentado hai 6 meses. "Ao Ministerio acumúlaselle o traballo sen ter rematado o marco legal nin a planificación sectorial, e cunhas eleccións ás portas", destaca Adega.

Proxecto do parque eólico mariño Breogán en costas galegas
Proxecto do parque eólico mariño Breogán en costas galegas | Fonte: Adega

Nun comunicado, a entidae ecoloxista di que ten reclamado en múltiplas ocasións que sen ter modificado o marco legal, nin concluído a planificación do sector, o Ministerio debería aplicar a súa propia moratoria (disposición adicional terceira do RDL 12/2021) e non tramitar ningún parque eólico mariño.

"Porén, non só se trata do oitavo proxecto admitido a trámite nas costas galegas, senón que Breogán pula por ocupar a mesma área mariña que o Galwind, presentado a finais do ano pasado", di a entidade ecoloxista nun comunicado. Por iso, denuncia que aumenta a presión sobre os ecosistemas mariños. "Semella que definitivamente estamos diante dunha auténtica febre do megawatio offshore, na que as empresas compiten entre si por coller sitio antes de que conclúa a planificación do sector", engade.

Ademais, salienta que a recente convocatoria de eleccións estatais introduce outro factor de incerteza para o sector pesqueiro e mesmo de inseguridade xurídica para as empresas eólicas. "Co marco normativo pendente de actualizar e a planificación sectorial inconclusa e eivada, que vai acontecer cos proxectos en tramitación?", preguntase ao tempo que pide unha moratoria "efectiva e inmediata" para os proxectos enerxéticos no mar.

"Dende ADEGA insistimos na existencia de graves incertidumes e descoñecemento científico sobre os efectos destes aproveitamentos enerxéticos nos ecosistemas mariños, o que por si só debería activar a aplicación do Principio de Precaución, consagrado no tratado fundacional da UE. Continuar ignorando este feito podería conducir a outro fracaso ambiental tal como aconteceu en moitos casos coa eólica terrestre en determinados territorios como Galiza", conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta