Fernández Prieto reivindica a "memoria silenciada" dos vencidos no seu ingreso como académico da RAG

"O relato do pasado, tamén o das vítimas, sempre está dominado polo vencedor. Máis aínda cando o vencedor foi verdugo", destaca no seu discurso.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/06/2023 | Actualizada ás 19:37

Comparte esta noticia

Lourenzo Fernández Prieto (A Devesa-Ribadeo, 1961) ingresou este sábado na Real Academia Galega (RAG), reivindicando o papel da historia e a importancia da memoria "silenciada" na historiografía.

O acto de ingreso celebrouse nunha sesión extraordinaria e pública no teatro Jofre de Ferrol, a cidade onde creceu e estudou o bacharelato, organizada co apoio da Deputación da Coruña. O novo académico entrou no auditorio acompañado polas dúas académicas de máis recente incorporación, María López Sández e María Dores Sánchez Palomino.

O catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela centrou o discurso de recepción como académico de número na relación entre historia, memoria e política no contexto da Transición democrática en Galicia a partir dunha discusión pública que tivo como protagonistas a Valentín Paz-Andrade, senador electo na reinaugurada democracia en 1977, e Camilo José Cela, senador por designación real.

O episodio rescatado, vinculado á reivindicación galeguista dun Estatuto de Autonomía que apelase ás raíces republicanas, é para o historiador "un exemplo claro da fondura do noso esquecemento colectivo, alén dese repetido mantra do pacto do esquecemento da Transición", e de como "o relato do pasado, tamén o das vítimas, sempre está dominado polo vencedor. Máis aínda cando o vencedor foi verdugo".

"Hai aspectos do pasado que foron escondidos por outros, ou que simplemente pasaron desapercibidos, e recuperalos permiten construír un relato máis plural e máis democrático do noso pasado", reflexionou.

Para o novo membro da RAG, a misión da historia "non é dar nin quitar razóns morais, senón contextualizar, entender no pasado e explicar, desde a distancia do presente e cos nosos valores, que é o que non queremos herdar do pasado, pero tamén o que queremos herdar". Un obxectivo no que a memoria cobra relevancia "como medio para facer historia, nunca para substituíla", matizou

O investigador traballa desde os seus comezos no campo da historia agraria e desde 2006 desenvolve tamén unha importante liña de estudos sobre a memoria do golpe de 1936, da guerra civil e da represión do franquismo.

LUZ POZO GARZA

Na súa intervención, Fernández Prieto tamén tivo palabras para Luz Pozo Garza (1922-2020), cuxa cadeira ocupa desde este sábado. O seu sucesor retratouna como "unha muller doutro mundo en plena ditadura" e subliñou a través dela "o papel feminino" na recuperación da democracia.

Pola súa banda, o director da Sección de Historia, o académico Ramón Villares, completou na súa resposta de benvida en nome da institución o retrato do novo académico, un "intelectual comprometido coa causa da lingua e da cultura de Galicia".

Lourenzo Fernández Prieto xunto con Víctor Freixanes
Lourenzo Fernández Prieto xunto con Víctor Freixanes | Fonte: RAG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Elevar a anédota a categoría apelando á "memoria persoal" é facer flaco favor á "verdade Histórica" (como apuntou Villares na súa resposta ao novo académico). Todos temos memoria (sempre selectiva) se xulgamos unha vida enteira por un instante cicais pensemos na nosa perspicacia, pero escribir e publicar en Burgos no ano 1942 a "Familia de Pascual Duarte" semella ter máis "valor histórico" e mesmo valentía política que dirixir no mesmo ano de 1942 a revista "Industrias Pesqueras" e adicarse á avogacía de prestixio en Vigo (principal traballo na vida de Valentín Paz-Andrade!) e mentras tanto conspirando con soños de "Rupturas Democráticas" logo da morte do ditador!