Maridaxe de viño e talento galego para festexar os Premios Martín Códax da Música

A gala de entrega de premios tivo lugar o pasado mércores 7 de xuño no Pazo de Congresos de Pontevedra e estivo moi ben presentada polos actores Isabel Risco e Fran Rei. Quince foron as categorías artísticas premiadas, Sergio de Miguel foi recoñecido como o mellor artista emerxente e Luz Casal recolleu o 'Premio Honorífico'.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 10/06/2023 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Os Premios Martín Códax da Música estanse a consolidar como elemento de cohesión entre artistas e como unha plataforma para poñer en primeiro plano todo o traballo dun sector creativo e transformador como é o da música. Así o destacou no seu discurso a xunta directiva de Músicas ao Vivo na gala da décima edición dos galardóns, que se celebrou na noite do mércores 7 de xuño no Pazo da Cultura de Pontevedra.

Entrega Premio Honorífico a Luz Casal. Foto cedida por Premios Martín Códax da Música.
Entrega Premio Honorífico a Luz Casal. Foto cedida por Premios Martín Códax da Música.

A festa das músicas e músicos de Galicia estivo dirixida e presentada polo 'Dúo Vaguedades', que forman Isabel Risco e Fran Rei, coa particularidade de que representaban a Rosalía de Castro e Eduardo Pondal, respectivamente. Para guiar e amenizar a gala artellaron un espectáculo arredor do viño moi ben fiado que ademais puido seguirse vía streaming dende a web dos premios.

PREMIOS

No que respecta ao reparto de galardóns, salientar que o premio honorífico foi para Luz Casal e na categoría de Artista Emerxente ao pianista e compositor Sergio de Miguel. Nas quince categorías artísticas dos Martín Códax subiron recoller premio: Arrhythmia, Su Garrido Pombo, Udra, Terrae, Quico Comesaña + Grupo, Ailá, Ton Risco e Marcos Teira, Banda de Música Cultural de Salceda, Moura, Sila Lua, Orquestra La Oca Band, Mario G. Cortizo, David Regueiro Trío Ft. Alexandre Cavaliere, Momboi e Pillaband.

Foto final de grupo
Foto final de grupo | Fonte: Cedida Premios Martín Códax da Música.

Os Premios Organistrum foron para a Sala Rebullón de Mos, na categoría de Salas, Galiciantunes na categoría de Proxectos de Comunicación, e a Foliada da Fonsagrada, na de Festivais

ARTISTA EMERXENTE

Na categoría de Artista Emerxente, cuxa votación estivo tamén aberta ao público --no resto das categorías son as socias e socios de Músicas ao Vivo as que votan os proxectos finalistas escollidos polo xurado profesional-- ata o pasado domingo 4 de xuño, o galardoado foi Sergio de Miguel. O pianista e compositor de Vigo, formado en Berklee e radicado en Estados Unidos aos seus 21 anos, está colleitando outros importantes recoñecementos este ano como o da publicación especializada en jazz Downbeat Magazine. Como compositor, fusiona as súas raices galegas co jazz e as influencias latinas. O pasado ano tamén foi un dos gañadores do concurso Yamaha Young Performing Artists, que recoñece nos Estados Unidos aos mellores músicos novos de clásica, jazz e contemporánea.

DISCURSO DE 'MÚSICAS AO VIVO' E PREMIO HONORÍFICO

Na recta final da gala, a xunta directiva de Músicas ao Vivo tomou a palabra para animar a músicas e músicos do país a loitar de maneira colectiva pola dignificación e profesionalización da súa actividade e convidalos a asociarse a Músicas ao Vivo. “É necesario fortalecer a contratación de proxectos galegos nas programacións culturais. Hai que poñer o talento galego no centro. Os Premios Marín Códax son clara mostra de que potencial non falta”, afirmaron no seu discurso.

Máis de catrocentos trinta proxectos presentáronse aos premios nesta súa décima edición, o que xa consagra ao certame como unha cita anual ineludible da cultura galega.

Máis de catrocentos trinta proxectos presentáronse aos premios nesta súa décima edición

A continuación procedeuse á entrega do galardón honorífico 2023 a Luz Casal, unha das voces máis valoradas neste século na escena europea, e que subiu ao escenario a recollelo como colofón á gala. Recibiuno da man de Sheila Patricia, presidenta de Músicas ao Vivo, e de Xoán Antonio Allegue López, presidente das Bodegas Martín Códax. A directiva de Músicas ao Vivo quixo recoñecer “a riqueza, delicadeza e inconformismo como intérprete e compositora” que caracterizan a traxectoria da artista nacida en Andabao, Boimorto, en 1958.

Desde Músicas ao Vivo, destacaron non só o seu éxito en relación ao público que a segue desde hai décadas senón tamén “unha maneira de construír a súa carreira que é un paradigma para a comunidade artística”. Luz Casal está vivindo un ano pleno para a súa carreira, cunha xira de concertos esgotados en España e Francia, e con novo disco: “Las ventanas de mi alma”. Ao recoller o premio, Luz Casal salientou a diversidade musical galega vista na gala. “Se son exemplo de algo, é que persevero, son loitadora”, sinalou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta