Eleccións en Israel

A primeira reflexión que debemos tirar das pasadas eleccións en Israel debera ser o mérito excepcional que ten conseguir manter unha democracia exemplar, nun entorno hostil inzado de inimigos conxurados en eliminar a Israel do mapa das nacións. Estas pasadas eleccións xerais en Israel, a XX lexislatura da Knesset (Parlamento) amosan a vital enerxía que após 66 anos desde a independencia do estado é quen de manter institucións homologables democraticamente as sociedades máis avanzadas de Occidente.

Por Pedro G.-Valadés | Vigo | 26/03/2015

Comparte esta noticia
É innegable que en circunstancias de guerra ou preguerra e conflito constante durante décadas, a maioría dos países no mundo terían sucumbido a gobernos militares, golpes de estado e réximes policiais cando non directamente totalitarios. Tamén é certo de que estou seguro de que este mérito nunca será recoñecido por moitos que pola contra aplauden a réximes como Cuba ou Venezuela.
 
Mais entrando xa na análise do que foi o resultado das pasadas eleccións en Israel queda claro que as enquisas de opinión trabucáronse: non unha vez, senón dúas. Nas semanas e nos días inmediatamente anteriores ás eleccións, predicíase a derrota de forma xeneralizada en todas as sondaxes do partido conservador Likud liderado por Benxamín Netanyahu. Despois, nas horas posteriores á votación, as enquisas á saída dos colexios electorais parecían indicar a paridade entre o Likud e a Unión Sionista, coalición de centro-esquerda formada pola socialdemocracia do Partido Laborista e o centrista HaTnuah liderado por Tzipi Livni. Estas sondaxes indicaban unha lixeira vantaxe para o Likud, mais ao longo da noite e conforme foi avanzando o escrutinio de voto real, resultou que o Likud era finalmente o grande vencedor, acadando 30 escanos dun parlamente composto de 120, fronte aos 24 da Unión Sionista.
 
Esta é outra das características a ter en conta en calquera análise electoral de Israel. A lei electoral regula a representación literalmente proporcional pura dos resultados que cada partido colleite. A democracia israelí premia así a maior representatividade dos cidadáns fronte ao equilibrio e estabilidade parlamentar. Israel, cunha lei como a española, tería en moitas ocasións maiorías absolutas claras, algo que xamais sucedeu nas 20 convocatorias desde a independencia no ano 1948. En Israel é máis importante, e iso é algo que está na mente dos votantes sen dúbida, que o partido gañador sexa quen de poder articular coalicións estables. Ninguén pensa a hora de depositar o voto en maiorías nidias, só en que a principal forza poida tecer gobernos que afronten os problemas e retos que ten a sociedade israelí. 
 
Israel é un país pequeno, algo así como se a Galicia restámoslle a provincia de Lugo, e que está rodeado de inimigos declarados tan brutais como Hamás, Yihad islámica, Hezbolláh ou o Estado Islámico, e en consecuencia é moi difícil por non dicir irreal, pretender que o cidadán israelí vote en función de programas sociais e económicos como se fora un estado normalizado europeo.
 
Pero por que e como foi quen Netanyahu de remontar e derrotar as sondaxes?
 
Estaba claro que unha grande parte da opinión pública israelí, incluíndo a moitos partidarios do Likud, mostrábase farta de Netanyahu. Por outra banda, non parecía existir para gran parte desa mesma opinión pública outra alternativa realmente crible que o puidera substituír. E a isto último agarrouse con forza e astucia o veterano Netanyahu. Empregando sen rubor e sen prudencia cara as chancelerías europeas e a Casa Blanca, unha das armas habituais da política electoral en calquera parte do mundo, facer promesas o suficientemente ambiguas pero ao tempo presentadas como declaracións nidias e rotundas para que chegado o caso poidan ser “reversibles”. Por exemplo na véspera do día electoral e nun moi hábil intento (conseguido) de recuperar votos para o Likud que estaban en principio asignados polas sondaxes e inqueritos a partidos máis a dereita, manifestou nunha entrevista nunha canle de televisión israelí que mentres el fora Primeiro Ministro non habería estado palestino. Esta afirmación de Netanyahu, que foi moi amplamente recollida nos nosos medios, tivo en Israel e entre os presuntos votantes de partidos máis a dereita un efecto esponxa, conseguindo mostrar a Netanyahu como un “inflexible” falcón que inspiraba seguridade e redireccionar así unha grande cantidade de votos desde estes partidos para os sobres do Likud. Reler logo as declaracións descubre que o que realmente afirma Netanyahu é que mentres non se dean as condicións de seguridade imprescindibles, el non aprobaría un estado palestino. Algo que días despois da cita electoral reafirmou desta volta nunha entrevista nunha televisión norteamericana. Desde logo non foi o descubrimento da pólvora, todos saben, palestinos, israelís e comunidade internacional, que para implementar un estado palestino é condición sine qua non que a seguridade na rexión e de Israel estea garantida. Nunha zona esta de Medio Oriente de caos yihadista, de estados fallidos e ao borde do colapso, o desexable e xusto establecemento dun estado palestino soberano debe ter absolutas garantías de non caer no pozo negro dos estados en conflito. E iso a día de hoxe é algo do que non hai lamentablemente ningunha garantía. Porque unha organización islamita e totalitaria como Hamás controla a Faixa de Gaza, unha parte do futuro estado palestino e na Cisxordania os seus militantes son rigorosamente controlados e con regulares redadas feitas polos corpos policiais da Autoridade Palestina de Mahmoud Abas e Al Fatah, o cal amosa -máis alá de calquera dúbida- que sen un forte control e a imprescindible cooperación da seguridade israelí moi probablemente tamén Cisxordania tería caído xa baixo as gadoupas do islamismo fundamentalista de Hamás e a Yihad islámica. 
 
Da complexidade da política israelí da boa mostra o feito de que o lugar onde o Likud obtivo un maior porcentaxe de votos foi nun pobo do Neguev e onde o partido de Netanyahu acadou o 77% dos votantes, un resultado case “ourensano” pola súa contundencia. E o máis chamativo desta porcentaxe é que este pobo, chamado Al Naim, é un pobo árabe beduíno. 
 
En definitiva, pecháronse as urnas. Xa sabemos que Netanyahu foi quen de gañar a todas as sondaxes, ás profecías dos ex dirixentes do Mossad, de seguridade, aos medios de comunicación israelís e internacionais, aos académicos, aos intelectuais e aos sesudos expertos en ciencias políticas e agora tócalle a sociedade Israel afrontar a esixencia de garantir a súa seguridade nunha contorna rexional salvaxemente hostil, lograr unha solución xusta cos palestinos e ao tempo facer fronte aos problemas e desaxustes internos propios de calquera sociedade occidental: educación, carestía da vivenda, sanidade... problemas que a pesar da moi boa situación económica israelí son os problemas do día a día do cidadán de Tel Aviv ou Xerusalén, da Galilea e o Neguev. E non debe esquecer Netanyahu que a esquerda sionista do renovado Partido Laborista liderado por Isaac Herzog conseguiu un bo resultado máis que digno de 24 escanos cando desde o ano 1990 o laborismo non superaba xamais a barreira dos vinte deputados. 
 
E non quero rematar sen facer mención a un feito demoledor para os difamadores compulsivos de Israel que teiman ate o absurdo en denominar a sociedade israelí de “estado de apartheid”. A terceira forza na Knesset, no Parlamento de Xerusalén, é a Lista Árabe Unificada con 13 deputados. Curioso “apartheid” este, que da igualdade de dereitos, de voto e de representación aos seus cidadáns árabes-israelies.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA